•Con esta iniciativa, o PSOE quere informar aos xoves sobre as súas medidas para «recuperar os dereitos á igualdade de acceso ao ensino que se perderon co PP»
•Os estudantes do campus de Lugo puideron achegarse o día 20 á «Oficina de Dereitos Perdidos», unha iniciativa de carácter informativo que o PSOE levou á capital lucense para amosar as súas propostas de cara a «recuperar os dereitos á igualdade de acceso ao ensino que se perderon co PP». No punto informativo atendían aos xoves a candidata ao Congreso por Lugo, Margarita Pérez Herraiz, e o secretario das Xuventudes Socialistas de Galicia, Aitor Bouza Manso.
PÉREZ HERRAIZ: «NESTA LEXISLATURA PERDEMOS EN CALIDADE E EN BECAS»
Pérez Herraiz destacou a intención dos socialistas de «aproximarnos á xente en xeral, e moi especialmente aos mozos e mozas». A candidata socialista por Lugo lembrou que «nesta lexislatura perdemos en calidade e en becas, e ademais se aprobaron medidas en soidade, sen contar cos demais grupos políticos e coa comunidade educativa». Pérez Herraiz lembrou que coas propostas do PSOE «universalizaremos as prazas de educación entre os 0 e os 18 anos, melloraremos a Formación Profesional para que teña unha maior calidade, e incrementaremos o número de prazas».
BOUZA: «QUEREMOS ESCOITAR AOS XOVES»
Pola súa banda, Bouza Manso lembrou que esta «Oficina de Dereitos Perdidos» xa leva percorridos varios campus españois, e seguirá por outras áreas universitarias galegas. «Queremos escoitar de primeira man as necesidades e inquedanzas do estudantado, e da cidadanía en xeral», explicou o secretario das Xuventudes Socialistas.•