•O alcalde de Pantón e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio asinaron un convenio para acometer estas obras •Está previsto que os traballos queden completados antes de fin de ano

• O Concello de Pantón segue a promover obras de mellora na contorna do Mosteiro das Bernardas de Ferreira. Nesta ocasión, os traballos consistirán no soterramento das liñas da instalación eléctrica na zona do Curro, próxima á área monumental.
A XUNTA FINANCIARÁ AS OBRAS CON PRETO DE 25.000 EUROS
O financiamento correrá a cargo da Xunta de Galicia, que aportará preto de 25.000 euros en virtude dun convenio asinado o 21 deste mes entre o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato.
As obras realizaranse nun tramo da N-120 A ao seu paso pola zona do Curro, lindante coa área do Mosteiro de Ferreira. O obxectivo é eliminar as liñas aéreas existentes, e proceder ao seu soterramento, para o que se habilitarán canalizacións e arquetas.
MELLORAR OS CONTORNOS URBANOS PARA REVITALIZAR O TERRITORIO
Según explicaron dende a Consellería, estas actuacións tratan de mellorar a estética da zona e poñer en valor a riqueza patrimonial que acolle este municipio. Esta medida inscríbese nun dos eixos de actuación da Consellería de Medio Ambiente, que pretende a realización de accións que melloren os contornos urbanos que teñan como finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Na sinatura do convenio, a conselleira explicou que as obras vanse iniciar de xeito inmediato, e prevese que estean completadas antes de fin de ano. O convenio tamén determina que será a Xunta a encargada da contratación e execución da obra que, unha vez completada, será entregada ao Concello para a súa explotación e conservación.
RECENTES ACTUACIÓNS PARA ACONDICIONAR A ZONA DO MOSTEIRO DE FERREIRA
Estes traballos veñen sumarse aos realizados este ano para mellorar as beirarrúas na zona do Curro. As obras, rematadas a comezos de outubro, supuxeron un investimento da Xunta de 37.000 euros, e tiñan como obxectivo garantir a seguridade de peóns neste tramos de importante circulación tanto para os veciños como para os turistas que visitan o Mosteiro de Ferreira. Asimesmo, a contorna desta área monumental foi acondicionada en abril deste ano, coa mellora das beirarrúas, colocación de luminarias, reconstrución dos muros e soterramento das liñas eléctricas. A Xunta financiou estes traballos con preto de 750.000 euros.•