O sur de Lugo esixe o fin da violencia de xénero con motivo do 25-N

En Monforte, leuse un manifesto e cubriuse a rúa Cardeal con pares de zapatos en memoria das vítimas. (Foto cedida).
En Monforte, leuse un manifesto e cubriuse a rúa Cardeal con pares de zapatos en memoria das vítimas. (Foto cedida).

•A celebración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, contou con importante repercusión en todo o sur de Lugo.

LAZOS BRANCOS E OBRADOIROS

En Monforte, e como vén sendo costume, colocouse nos días previos a esta data un gran lazo branco na Torre da Homenaxe, en sinal de solidariedade coas vítimas da violencia de xénero. No Concello, instalouse un libro de sinaturas a disposición da veciñanza para que poidan expresar o seu rexeitamento ante esta lacra social. Tamén se organizou un obradoiro no Centro Cívico do Malecón, a cargo do psicólogo Juan Carlos Prados, para afondar no coñecemento deste problema e das pautas para actuar diante dun caso de malos tratos. Asimesmo, o Centro Cívico acolleu unha mesa de traballo integrada por profesionais, que debatiron sobre como mellorar a asistencia ás mulleres vítimas de malos tratos. Xa o día 25, a rúa Cardeal foi o lugar elixido polo Concello para a lectura dun manifesto rexeitando os malos tratos ás mulleres, e encheron a céntrica rúa con pares de zapatos en memoria das vítimas de violencia de xénero. Obradoiros e charlas en centros educativos, así como unha obra de teatro, completaron o programa de actos en Monforte.

Os periodistas Julia Otero e Pepe Domingo Castaño poñen rostro á campaña da Xunta para o Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero. GPXG.
Os periodistas Julia Otero e Pepe Domingo Castaño poñen rostro á campaña da Xunta para o Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero. GPXG.

LEMAS ILUSTRADOS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Pola súa banda, o Concello de Sarria, a través do CIM, organizou o II Concurso de Lemas Ilustrados: «Por unha convivencia sen violencia de xénero, escorre ata a última gota de desigualdade», destinado á mocidade da comarca sarriá. Os lemas ou eslogans ilustrados poden enviarse ata o 30 de novembro ao enderezo cim@sarria.es. O xurado valorará ata un máximo de 5 traballos, que serán expostos ata o 11 de decembro ás 14 horas no Facebook do Concello de Sarria para ser votados. Haberá tres premios, que serán entregados na última semana lectiva.

OBRADOIROS SOBRE VIOLENCIA NO MUNDO DIXITAL

En Bóveda, o día 24 tivo lugar un obradoiro educativo sobre violencia de xénero e o novo contexto dixital, en referencia á ciberviolencia, grooming ou sextorsión. A actividade estivo destinada aos mozos a partir de 12 anos, e ao público en xeral.

CONCIENCIACIÓN

Pola súa banda, a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia desenvolveu unha campaña protagonizada polos xornalistas Julia Otero e Pepe Domingo Castaño, que colaboraron desinteresadamente cedendo a súa imaxe. A campaña, que ten como lema «Se hai saída é grazas a ti. Únete», distribuiu 35.000 carteis por todas as cidades e vilas de Galicia, para sensibilizar á sociedade da necesidade de erradicar esta lacra social.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sarria, capital por uns días da ciencia escolar de Galicia

Seguinte Nova

Teresa Grau comparte historias de mulleres no Centro Afundación de Monforte

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: