
A programación sociocultural do Concello de Bóveda continuou este mes con dúas citas. Na tarde do sábado 21 de novembro, o Salón de Actos do Centro Sociocultural acolleu a partir das seis unha sesión de teatro, a cargo do grupo de teatro afeccionado Debulla, que puxo en escea a obra «PerverSons». Esta actividade forma parte do programa de teatro Buxiganga, desenvolvido pola área de Cultura da Deputación de Lugo.
Asimesmo, dende o día 21 de novembro e ata finais do mes de decembro, pode verse no espazo expositivo do Centro Sociocultural de Bóveda a mostra titulada «Mundo Animal», firmada pola veterinaria e fotógrafa Tamara Lebón Sánchez. A exposición xunta un total de 23 instantáneas, que recollen unha mirada espectacular e tamén empática hacia estes seres cos que compartimos o planeta e a vida. A mostra de Tamara Lebón está aberta ao público de luns a sábados de 16,30 a 18,30 horas.•