
A comezos deste mes, retornaron a Monforte os tres alumnos que realizaron unha estadía formativa durante outubro e novembro en países europeos, dentro do programa do consorcio Erasmus+. Martín Sáez e Brais López, do ciclo de Xestión Administrativa, e Sabela Vázquez, do ciclo de Peiteado e Cosmética Capilar completaron a súa formación en Portugal e Italia, realizando práticas en empresas de cadanseu sector.
PROGRAMA EN DÚAS QUENDAS
Os tres alumnos forman parte da primeira quenda deste programa, impulsado polo consorcio Erasmus+, ao que pertence o IES A Pinguela coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo. A segunda quenda deste programa desenvolverá a estadía correspondente durante os meses de marzo e abril.
FACILITAR A INSERCIÓN LABORAL
Según explicaron dende o instituto monfortino, o obxectivo deste programa, que vai dirixido aos estudantes de ciclos medios entre 18 e 30 anos, é facilitar a inserción laboral da mocidade, proporcionando a posibilidade de coñecer o mercado de traballo, adquirir experiencia laboral, e mellorar as competencias lingüísticas e de comunicación nun idioma distinto ao materno.•