A comezos de decembro, a ANPA do IES Daviña Rey entregou á dirección do instituto monfortino media ducia de lotes de material escolar, destinados a alumnos e alumnas con dificultades económicas. Según explicaron os responsables desta iniciativa, os lotes foron custeados pola Fundación La Caixa, quen fixo chegar estes materiais á Federación de ANPAS de Lugo, logo das xestións realizadas dende a CONFAPA (Confederación de ANPAS de Centros Públicos de Galicia). Dende a asociación provincial, distribuíron os diferentes recursos entre as agrupacións locais asociadas, como no caso da ANPA do IES Daviña Rey.
CAMPAÑA SOLIDARIA DE RECOLLIDA DE MATERIAL ESCOLAR
Paralelamente, dende a ANPA do instituto monfortino están a poñer en marcha unha campaña solidaria de recollida de material escolar, co fin de subsanar as necesidades do alumnado con dificultades económicas. A AMPA informou ás familias por medio dunha carta, na que se explican as características desta campaña. As persoas que desexen aportar material para esta iniciativa solidaria poderán facelo ata o 29 de febreiro de 2016. O material recollido será distribuido ao longo do curso e tendo en conta as necesidades detectadas entre o alumnado dende o Departamento de Orientación do centro.•