En marcha o Plan Invernal na rede de estradas provinciais

•O ano pasado, este dispositivo atendeu preto de 700 incidencias, e empregou 1.180 toneladas de sal

O deputado de Xestión Territorial, Argelio Fernández Queipo, na presentación do Plan Invernal provincial, o 9 de decembro.  GPDL.
O deputado de Xestión Territorial, Argelio Fernández Queipo, na presentación do Plan Invernal provincial, o 9 de decembro. GPDL.

•A comezos de decembro, a Deputación de Lugo puxo en marcha o Plan Invernal na rede de estradas de titularidade provincial. Para atender os 4.200 quilómetros de vial cos que conta esta rede, a máis extensa de España, o organismo provincial despregou un equipo integrado por 112 operarios e 64 máquinas, que atenderán as posibles incidencias nas estradas que se deriven da climatoloxía invernal. Para isto, disporán de máis de 230 toneladas de sal nos 12 saleiros localizados en Cervantes, Folgoso do Courel, Becerreá, A Fonsagrada, Ribas do Sil, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Lugo. Neste ano, hai destinada unha partida de 100.000 euros para a compra de fundentes, que se destinarán, de xeito gratuíto, a calquera dos 67 Concellos da provincia que o necesiten.

SEGURIDADE DAS ESTRADAS E O ACCESO A NÚCLEOS

Según explicou o deputado de Xestión Territorial, Argelio Fernández Queipo, na presentación do Plan Invernal o pasado día 9, este dispositivo invernal ten como finalidade «garantir a seguridade nas estradas e o acceso a todos os núcleos de poboación da provincia». Fernández Queipo suliñou que o organismo provincial colabora coas demais administracións na prestación deste servizo, como fixo en estradas da provincia de León. con ocasión de varios temporais, xa que son zonas lindantes coa provincia de Lugo. Fernández Queipo destacou que «o importante é, en todos os casos, atender aos nosos veciños, preservar a seguridade viaria e evitar, de todos os xeitos, que núcleos de poboación, como ten acontecido na Montaña, se queden incomunicados».

Este operativo está organizado en oito áreas, dotadas cada unha delas cun equipo humano de 14 operarios e cun equipamento en maquinaria de oito unidades: dúas quitaneves, dous tractores con cuchilla e esparexador de sal, dous todoterreos, e dous vehículos de apoio provistos de material mecánico. Aparte desta maquinaria, o dispositivo invernal tamén conta con varias máquinas do parque móbil da Deputación, como palas mixtas ou camións, que se engaden ao protocolo de actuación nos casos en que sexa preciso.

A zona do Plan Invernal con máis extensión de vial é a zona oito, que supervisa 738 quilómetros de estrada nos municipios de Bóveda, Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo. A de menor extensión quilométrica, aínda que das máis complicadas polas incidencias meteorolóxicas propias da montaña, é a zona sete, que abrangue 313 quilómetros de estrada nos municipios de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.

O pasado Plan Invernal da Deputación atendeu preto de 700 incidencias e empregou 1.180 toneladas de sal. Fernández Queipo lembrou que a rede provincial de Lugo é a máis extensa de España, coa dificultade engadida de que máis de 1.500 quilómetros están por riba dos 600 metros de altitude, e outros 800 a máis de 800 metros. Atender viais destas dimensións e características orográficas «precisa dun dispositivo ben planificado, con resposta rápida e eficaz», destacou.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Fundación CEL fomenta a iniciativa emprendedora entre o alumnado de Turismo do IES Río Cabe

Seguinte Nova

Anuncian un plan de mellora dos catamaráns para finais de ano

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: