O sur de Lugo celebra o Nadal

 

A iluminación de Nadal anima as rúas e prazas do centro urbano de Monforte. EC
A iluminación de Nadal anima as rúas e prazas do centro urbano de Monforte. EC

Monforte celebra o Nadal cunha ampla axenda de actos

• A mediados de decembro, Monforte vestiuse de Nadal co encendido da iluminación navideña e o comezo de diversas actividades. Como todos os anos, os centros de ensino foron os grandes protagonistas do comezo da axenda de Nadal en Monforte. Dende o concurso de beléns no que participaron os centros escolares da cidade, ata a XVII Mostra de Panxoliñas celebrada antes de iniciar as vacacións de Nadal, os máis novos participaron activamente na programación. A música tivo o seu espazo no Festival de Nadal co alumnado do Conservatorio Municipal, e a literatura ocupou o Certame de Poesía Infantil sobre o Nadal, que organizou a Biblioteca Municipal.

Tamén para os máis pequenos están pensados os obradoiros de Nadal, que se desenvolven os días 23 e 24 no espazo central da Praza de Abastos. O obradoiro de maquillaxe de Nadal vai destinado a nenos e nenas a partir dos 3 anos, e o de adornos navideños a menores a partir de 4 anos. O horario é de 11 a 13 horas.

Para o público en xeral, a programación comezou o día 19 co Concerto de Corais na igrexa dos Escolapios, e continuará o sábado 26 ás 20,15 horas co concerto da familia Moriatov, organizado pola Sociedade Filarmónica de Monforte na Casa da Cultura.

O día 23, o Multiusos acollerá a obra de teatro «Medea», da compañía Palimoco Teatro, a partir das 20,15 horas. O día 28 ás 21,00 será o concerto-presentación do primeiro CD dos monfortino The Poet’s Silence. Xa o 29, a Asociación Cultural Santa Compaña de Lemos estreará o documental «Por amor al arte. Monforte creativo», ás 20,15 horas na Casa da Cultura. O día 30 ás 20,15, este mesmo espazo acollerá o concerto de piano de Aida Saco Beiroa.

En xaneiro, a tradicional Cabalgata de Rei arrincará da Estación o día 5 ás 17 horas, e ao día seguinte, SS.MM. Os Reis Magos visitarán varios centros sociais da cidade.•

Amplo programa de Nadal en Sarria

•O Concello de Sarria está a desenvolver unha ampla axenda de eventos para celebrar o Nadal. Logo de rematar o obradoiro gratuíto de elaboración de postais e agasallos de Nadal, os luns e mércores dende o 21 de decembro ata o 4 de xaneiro estase a celebrar o taller «Musiaventuras», para nenos e nenas de 3 a 6 anos, e de 7 a 11 anos. Ademais, o día 24 terá lugar a recepción do Apalpador, na Casa da Cultura a partir das 16,30 horas. O sábado 26 celebrarase unha festa infantil con paiasos e globoflexia, con entrada gratuíta, a partir das 17,30 horas na Casa da Cultura. Dende o 22 de decembro ata o 7 de xaneiro, estará aberta a exposición «Venme con contos», de Estefanía Padulés, e alumnado do Colexio da Merced de Sarria, organizada por Crearte.

O deporte tamén ten espazo nas actividades do Nadal en Sarria. O domingo 27 de decembro celebrarase o III Trofeo de Patinaxe Artística Vila de Sarria, a partir das 15,30 horas no Pavillón Novo.

A maxia será a protagonista do día 29. O mago Roberto Lolo ofrecerá o espectáculo Nadal Máxico, a partir das 17,30 horas, na Casa da Cultura, con entrada gratuíta. O día 30, o teatro encherá a actividade, coa representación da obra «O Espantallo Amigo», de Xosé Neira Vilas, a cargo da compañía Teatro Os Quinquilláns, a partir das 17,30 horas na Casa da Cultura.

O deporte voltará para despedir o ano, coa celebración da Milla Urbana 2015 o 31 de decembro. A saída deste circuíto, cunha distancia de 1,6 quilómetros, está prevista para as 18,00 horas dende a rotonda de Samos, para rematar na Estación do Ferrocarril. Os interesados poden inscribirse na páxina web www.championchipnorte.com.

A programación de xaneiro inclúe un obradoiro gratuíto de elaboración de marionetas, o día 3 ás 17,30 horas, e outro de elaboración de postais e agasallos de Reis, os días 4 e 5, de 10 a 14 horas. Serán nos baixos da Casa da Cultura. O día 8 haberá un taller de iniciación ao grabado, de 16,00 a 20,00 horas, organizado por Ergueitos.

A cabalgata de Reis sairá o día 5 ás 18,30 horas da Estación do tren, e rematará no Pavillón do Chanto.•

Programación de Nadal en Chantada

 • Os obradoiros de Nadal para cativos de 4 a 10 anos seguirán os días 23, 28, 29 e 30 de decembro, e o 4 de xaneiro, na sala infantil da Biblioteca Municipal. Os talleres están a cargo de Velaísca, en horario de 11,30 a 13 horas. Tamén continúan as proxeccións de cine infantil, ás 17 horas, coas películtas «Saving Santa» o 23, «El valle de las hormigas perdidas» o 28, e «Hogar dulce hogar» o 30. A programación rematará coa Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro, que partirá ás 17,30 da Residencia da terceira idade e rematará diante da Casa da Cultura, onde se celebrará a recepción aos SS.MM.Reis Magos.•

Un Nadal cheo de actividades para todos en Quiroga

• Quiroga está a desenvolver unha intensa axenda de actos para festexar o Nadal. Dende comezos de decembro, estanse realizando eventos para nenos e maiores nos diferentes espazos da capitalidade municipal.

CAMPIONATOS DE XOGOS DE MESA AO LONGO DE TODO O NADAL

O día 25, organizado pola Área de Xuventude do Concello de Quiroga, terá lugar o Campionato de Póker no pub Andele, e o 26, un C ampionato de Tute no pub Ruxe-Ruxe. Tamén ese día, o grupo Tornaxeira ofrecerá un concerto folk no Auditorio Municipal, organizado pola Área de Cultura.

TORNEO DE FÚTBOL SALA, E CARREIRA-MARCHA SAN SILVESTRE

O día 27, o Centro Social acollerá o Baile Especial de despedida de ano. O deporte tomará o relevo, coa celebración, os días 28, 29 e 30, do Torneo de Nadal fútbol sala, nas modalidades masculina e feminina. Para rematar o ano, terá lugar a II edición da Carreira-Marcha Solidaria San Silvestre o día 31, organizada pola Área de Deportes.

FESTA INFANTIL O DÍA 2

Xa en 2016, o día 1 de xaneiro abrirase o ano cun Campionato de Futbolín no pub Yoga, e outro de Ping-pong no pub Tic-Tac. O día 2 será a quenda dos máis cativos, coa celebración dunha Festa de Nadal, na que haberá inchables gratis no Pavillón municipal de 16 a 20 horas.

QUIROGA ESTREA OS CANTOS DE TABERNA

O día 3 terá lugar a primeira edición dos Cantos de Taberna de Quiroga, que buscan a dinamización social e a recuperación das nosas tradicións musicais en torno ás tabernas, lugares que serviron sempre como punto de encontro social e lúdico das nosas vilas e aldeas. Na primeira edición dos Cantos de Taberna de Quiroga participan 15 establecementos, con sesións a partir das 17 horas. As agrupacións musicais disporán de media hora en cada local, e rematarán a ronda na zona dos pubs cunha gran foliada. O día 3 seguirá a competición de xogos de mesa, co Campionato de Escoba no pub Bunny Karaoke.

A programación de Nadal rematará o día 5 coa tradicional Cabalgata de Reis.•

Nadal no Círculo Saviñao

 

• O Nadal no Círculo Saviñao ven cheo de arte, literatura, música e tamén festa. A sociedade de Escairón acolle a exposición pictórica «Mademoiselles e outras personaxes», da artista Carmen Prado. A despedida do ano terá animación a cargo de Nuncy Valcárcel ata as 3,30 horas, cando tomará o relevo o grupo Gin Toni’s, para bailar seguido ata o amencer. O 9 de xaneiro, Emilio Rúa presentará o seu disco «Querida alegría», ás 23,30. Por último, Xabier Quiroga presentará o seu libro «Izan o da saca» o día 16 ás oito, co editor Manuel Bragado.•

Títeres, ocioteca e a tradicional Cabalgata de Reis protagonizan o Nadal en Bóveda

• O Nadal xa comezou a festexarse no municipio de Bóveda. Coincidindo co remate do primeiro trimestre do curso escolar, o CEIP Rosalía de Castro de Bóveda celebrou o tradicional Festival de Nadal, na tarde do venres 18 de decembro. Unha festa que celebra o comezo das vacacións escolares, e que tamén sirve de apertura para unha serie de xornadas lúdicas organizadas dende o Concello de Bóveda.

CITA CO TEATRO DE GUIÑOL PARA TODOS OS PÚBLICOS O SÁBADO 26

A seguinte cita lúdica do Nadal será o sábado 26 de decembro, coa posta en escea, a cargo da compañía Trécola, do espectáculo de marionetas «Traxicomedia de Calixto e Celestino».

Este espectáculo, que se iniciará ás 17,30 horas no Salón de Actos do Centro Sociocultural, vai dirixido a todos os públicos. A obra de marionetas está protagonizadas por tres personaxes, Calixto, Celestino e Margarida, que convertirán unha tranquila xornada de lecer nun sinfín de situacións absurdas e cómicas.

As entradas para esta representación de guiñol, a prezo de 3 euros, xa están á venda no Concello, en horario de 10 a 14 horas, e no Centro Sociocultural de 16,30 a 18,30 horas. O aforo é limitado, polo que os tiquets deberán mercarse con antelación. Este espectáculo está integrado no programa Buxiganga, promovido pola Área de Cultura da Deputación de Lugo.

OCIOTECA GRATUÍTA EN BÓVEDA

Para os días de vacacións escolares, o Concello de Bóveda deseñou diversas actividades integradas na Ocioteca de Nadal, que se desenvolverá os días 28, 29 e 30. As sesións terán lugar no Centro Sociocultural, en horario de 10 a 14 horas. A Ocioteca é gratuíta previa inscrición.

VÍSPERA DE REIS

Unha das citas máis esperadas polos cativos é a víspera de Reis, que en Bóveda ten unha especial significación sociocultural. O día 5, as Súas Maxestades de Oriente visitarán a residencia ás 16,30, e estarán no Centro Sociocultural ás 17 horas, para atender a todos os nenos e nenas do municipio, e entregar agasallos.•

Actividades para todos os públicos no Nadal de Pantón

• O Nadal en Pantón inclúe actividades para nenos e maiores, e tamén fórmulas de lecer en familia. A programación deseñada polo Concello reúne lecer, cultura e dinamización social axeitada para todas as bandas de idade.

OBRADOIRO DE MAIORES, OS LUNS

Os luns son o día reservado para o obradoiro de maiores, que integra diversas actividades co obxectivo de socializar o tempo libre das persoas de máis idade do municipio.

OBRADOIROS PARA OS CATIVOS, E ACTIVIDADES EN FAMILIA

Para os máis cativos, o Concello de Pantón ten en marcha unha serie de obradoiros infantís, que ocuparon os días 21 e 22, para continuar o 23, 20 e 30 de decembro.

Asimesmo, nas xornadas do 26 e 27, celebrarase unha sesión de Panxoliñas na Rúa, na que nenos e nenas cos seus pais e nais cantarán panxoliñas en galego e inglés polas rúas de Ferreira.

A actividade de Cociña en Familia recupérase tamén no Nadal, con sesións os días 2 e 3 de xaneiro, nas que os participantes elaborarán doces propios de Aninovo.

FESTIVAL DE REIS CON OBRADOIROS, XOGOS E AGASALLOS DOS MAGOS DE ORIENTE

O día 5 de xaneiro celebrarase o tradicional Festival de Reis, nos que se desenvolverán obradoiros de maquillaxe e xogos populares. No Festival espérase a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente, que repartirán agasallos entre todos os nenos e nenas asistentes.

EXCURSIÓNS A OURENSE E AO BELÉN DE BEGONTE

Ademais, a programación de Nadal do Concello de Pantón inclúe dúas excursións. O 28 de decembro está organizada unha viaxe para asistir ao espectáculo «Clinc», baseado nas técnicas das pompas de xabón, que ofrecerá Pep Bou no Auditorio de Ourense. Esta actividade ten un custe de 5 euros por persoa. A outra excursión terá lugar na segunda semana de xaneiro, con data aínda por confirmar, para visitar o Belén de Begonte.•

Nadal 2015 en San Clodio

• O encendido do alumeado o sábado 19 foi o inicio das celebracións de Nadal en San Clodio. Dende o Concello están a preparar varias proxeccións de películas para os máis cativos, e unha charla divulgativa. O Concerto Solidario será o 2 de xaneiro ás 20 horas, para recoller alimentos non perecedeiros. O día 5 chegarán en tren os SS.MM. Reis Magos, que serán recibidos no Salón de Actos do Concello, onde repartirán agasallos aos cativos.•

Literatura, música e creatividade plástica para celebrar o Nadal en Sober

• Dende o Concello de Sober teñen en marcha unha ampla programación lúdica para a tempada de Nadal. Música, literatura e creatividade propia destas datas amenizarán os últimos días do ano e darán a benvida ao 2016.

CONCERTO BENÉFICO

As actividades comezaron o sábado 19 de decembro, cun concerto benéfico organizado pola Escola Municipal de Música de Sober. A cita navideña congregou a un plantel de execpción, xa que participaron a banda e coro xuvenís da Escola, a Banda de Música de Sober e o alumnado do CEIP Virxe do Carme e do PAI. O concerto, que se celebrou no Salón de Actos do Centro Sociocultural da capitalidade, serviu para recadar alimentos non perecedeiros, con destino ás familias máis necesitadas do municipio. Tamén o sábado 19 celebrouse no colexio de Sober o Festival de Nadal, que contou coa presencia de Papá Noel.

CERTAME DE POESÍA E POSTAIS DE NADAL

A creatividade terá o seu espazo no Nadal soberino, a través da literatura e da plástica. En canto ás letras, o Concello de Sober animou aos máis novos a participar no certame de poesía e postais de Nadal que convoca a Biblioteca Municipal en colaboración coa Biblioteca Pública de Lugo. Haberá tres categorías de premios por idades, que recibirán un diploma e un lote de libros. A organización dará a coñecer os nomes dos autores e autoras dos traballos premiados a comezos de xaneiro.

VI CERTAME DE BELÉNS

En canto á creatividade plástica, o Concello de Sober convoca a sexta edición do Certame de Beléns. Este concurso conta con categorías adulto e infantil, e as obras presentadas serán valoradas polo xurado durante o día 23. Os autores premiados recibirán un diploma e un agasallo.

REMATE DO ANO

As Merendas con Contos tamén farán sitio ao Nadal, adicando as sesións dos días 22 e 29 a un maratón de panxoliñas con chocolate con churros.

O sábado 26 haberá unha festa infantil de Nadal con xogos, inchables, música e obradoiros.

As actividades continúan ao comezar o novo ano. O 4 de xaneiro, celebrarase un obradoiro e un contacontos no Centro Sociocultural, a cargo de Pablo Díaz. Os Reis Magos farán a súa tradicional visita a Sober o día 5.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Teatro escrito para fomentar a reciclaxe, na Casa da Xuventude de Chantada

Seguinte Nova

Constituído o consello de administración de Suplusa

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

 
A %d blogueros les gusta esto: