Resultados Eleccións Xerais 20-D no sur de Lugo

O PP gañou en todos os concellos do sur de Lugo, o Psoe mantense como segunda forza, En Marea copa o terceiro posto, e Nós é cuarta forza en 4 municipios, superada no resto por Ciudadanos

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

• As Eleccións ás Cortes Xerais celebradas o domingo 20 de decembro tiveron como gañador no sur de Lugo ao Partido Popular, mentres que o PSdeG-PSOE mantense como segunda forza en votos. As novas formacións En Marea e Ciudadanos irrumpen no panorama electoral, situándose no terceiro posto a coalición vinculada a Podemos, e en cuarto lugar está o partido liderado por Albert Rivera, que só cede ante a formación Nós en catro concellos. Cabe suliñar que os novos partidos rexistran as mellores porcentaxes de voto, con diferencia, nas tres grandes capitalidades comarcais (Monforte, Sarria e Chantada).

O PP foi a forza máis votada en todos os municipios das comarcas de Lemos, Sarria, Quiroga e Chantada. En total, a opción liderada por Mariano Rajoy acadou un total de 20.578 votos no total das catro comarcas do sur lucense. Así, o PP rexistrou 8.319 votos na comarca de Lemos, 6.334 na de Sarria, 4.029 na de Chantada, e 1.896 na comarca de Quiroga. Por concellos, as mellores cifras para o PP contabilizáronse en Paradela (cun 62,06% dos votos), Carballedo (cun 58,93%) e Quiroga (cun 58,32%).

Pola súa banda, o Partido dos Socialistas de Galicia-Partido Socialista Obrero Español quedou como segunda forza no sur de Lugo. A formación de Pedro Sánchez contabilizou un total de 10.939 votos nas catro comarcas: 4.553 na de Lemos, 3.802 na de Sarria, 1.748 na comarca de Chantada, e 836 na de Quiroga. Por concellos, o PSdeG-PSOE conseguiu as súas mellores porcentaxes en Ribas de Sil (38,52% dos votos), Láncara (35,21%) e O Incio (33,03%).

A terceira forza con maior número de votos foi En Marea, que sumou 7.576 nas catro comarcas do sur lucense: 3.465 na de Lemos, 2.134 en Sarria, 1.474 na de Chantada, e 503 na de Quiroga. Por concellos, En Marea rexistrou as súas mellores cifras de voto en Monforte (22,57%), Chantada (19,92%) e Sarria (18,48%).

Ciudadanos situouse como a cuarta forza con máis votos en todos os concellos agás O Incio, Taboada, Pantón e A Pobra do Brollón, nos que este posto correspondeu á formación Nós. En canto a Ciudadanos, sumou 2.891 votos nas catro comarcas, con 1.267 na de Lemos, 911 en Sarria, 564 en Chantada, e 149 na de Quiroga. As mellores porcentaxes acadounas en Monforte (8,22%), Sarria (8,18%), e Chantada (7,67%).

Pola súa banda, Nós sumou 1.490 votos no total das catro comarcas do sur lucense, ocupando o cuarto posto en catro concellos, e sendo quinta forza no resto, agás en Triacastela, onde quedou por detrás do Partido da Terra (que acadou o 1,29% dos votos). Por comarcas, Nós acadou 711 votos en Lemos, 436 en Sarria, 269 en Chantada e 74 en Quiroga. Destaca a ampla marxe conseguida en A Pobra do Brollón, onde lograron o 14,13% dos votos. •

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Expertas en historia e literatura achegaron aos escolares monfortinos as figuras de Cervantes, o VII Conde de Lemos e Don Quijote

Seguinte Nova

Monforte, gran teatro urbano no IV Centenario da II parte de Don Quijote

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: