•O último Pleno provincial de 2015 aprobou por unanimidade esta medida, que deixa o servizo a custe cero para os concellos •A Xunta asumirá o 60% restante do gasto deste servizo logo dun convenio coas Deputacións e a FEGAMP
• O pasado 29 de decembro tivo lugar o último Pleno da Deputación provincial de Lugo correspondente ao ano 2015, no que se aprobou por unanimidade que o organismo provincial asuma o 40% dos gastos de financiamento do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) para as tres vindeiras anualidades.
AFORRO DE 350.000 EUROS PARA OS CONCELLOS LUCENSES
A novidade que incorpora esta medida refírese ao aforro que suporá para os concellos. Os entes locais viñan aportando o 20% dos gastos, porcentaxe que agora será asumido pola Deputación. A Xunta farase cargo do 60% da partida para este servizo. Según informaron dende a Deputación de Lugo, o aforro para os concellos lucenses estímase en 350.000 euros.
MODIFICACIÓNS SOBRE O CONVENIO INICIAL DA XUNTA COA FEGAMP
Este acordo produciuse logo de que o Goberno provincial presentase unha emenda á moción do Deputado non adscrito, que foi aceptada por ampliar as súas propostas. No acordo contémplase tamén solicitar á FEGAMP e a Xunta de Galicia que negocien unha addenda de modificación neste sentido do convenio que veñen de asinar ambas institucións coas catro Deputacións galegas. Inicialmente, este convenio estipulaba que a Xunta asumía o 60% dos gastos, e as Deputacións o 20%, mentres que aos concellos corresponderíalles aportar o 20% do importe restante.
SETE GES CON 80 TRABALLADORES PARA DAR ESTE SERVIZO NA PROVINCIA DE LUGO
O voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos Ramos, destacou que «a Deputación de Lugo asumirá esta partida sempre e cando exista partida orzamentaria para as anualidades 2016, 2017 e 2018. Santos puntualizou que «deste xeito, manteremos os 80 postos de traballo directos dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais».
A provincia de Lugo dispón de sete Grupos, repartidos nas sedes da Fonsagrada, Becerreá, A Pontenova, Monterroso, Cervo, Folgoso do Courel e Quiroga.•
•A nova recadación aforrará máis de 1 millón de euros aos concellos
•Na sesión plenaria do día 29 tamén se sacou adiante, sen o apoio dos 12 deputados do Partido Popular, a modificación do convenio de Recadación. Esta medida suporá que o Goberno Provincial aforrará máis de 1 millón de euros ao ano aos Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, permitíndolle deste xeito aumentar os investimentos nos Concellos.
Según os responsables provinciais, con esta proposta do equipo de Goberno, redúcense do 3% ao 1% a compensación á Deputación dos tributos recadados. Esta medida entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2016.•