•Andrés Varela e Miguel Iglesias, que lideran o ranking provincial representarán ao clube monfortino na final nacional a comezos deste ano
• O billar monfortino está ás portas dun novo fito deportivo. Dous xogadores do Club Billar Templarios, Andrés Varela e Miguel Iglesias, estarán presentes na final nacional de billar americano, que se disputará na vila de Padrón entre xaneiro e febreiro.
LIDERATO E CONSOLIDACIÓN ENTRE OS PRIMEIROS
Os xogadores monfortinos acumularon méritos suficientes para ter presencia nesta competición. Andrés Varela lideraba o ranking individual intermedia na provincia de Lugo logo de disputadas as catro primeiras probas da liga, nas que acadou 43 puntos dos 48 posibles. Pola súa banda, Miguel Iglesias proclamouse campión galego en categoría senior a pasada temporada, o que lle dou o pase para esta final nacional.
A COMPETICIÓN INTERNACIONAL, NO HORIZONTE DOS TEMPLARIOS
As boas clasificacións dos monfortinos no ranking provincial, con Varela no primeiro posto na súa categoría e Iglesias de segundo en categoría senior, achegan a posibilidade de ver a estes xogadores peleando por acceder á competición internacional. Os resultados das probas nacionais habilitarán aos mellores clasificados galegos para disputar a fase previa clasificatoria do internacional de Holanda 2016. Dende o Club Billar Templarios de Monforte valoran esta expectativa como «unha grande oportunidade para o club». A entidade monfortina xa suma no seu palmarés varios campións galegos en diversas categorías, así como diferentes podiums en probas nacionais dende a súa fundación en 2003.•