Monforte comenza o ano sen acordo para aprobar os orzamentos

 

Imaxe da primeira reunión de achegamento sobre os orzamentos 2016 entre o alcalde de Monforte, José Tomé, e a portavoz da segunda forza política no Concello, a nacionalista Pilar López, celebrada o 21 de decembro. GPCM.
Imaxe da primeira reunión de achegamento sobre os orzamentos 2016 entre o alcalde de Monforte, José Tomé, e a portavoz da segunda forza política no Concello, a nacionalista Pilar López, celebrada o 21 de decembro. GPCM.

•O Pleno do Concello de Monforte celebrado o 28 de decembro rematou sen acordo sobre os orzamentos para 2016, as primeiras contas municipais que presenta o alcalde socialista José Tomé. Esta era a segunda ocasión que Tomé levaba a Pleno a súa proposta, coa particularidade de que, desta volta, vinculaba as contas municipais a unha cuestión de confianza. O recurso a esta fórmula legal supón que, se antes de un mes dende o último Pleno non se presenta unha moción de censura, entenderase por aprobado o proxecto de presupostos.

«SORPRESA» NO GRUPO MUNICIPAL NACIONALISTA POLA CUESTIÓN DE CONFIANZA

Esta situación foi criticada pola voceira do BNG, Pilar Martínez, que cualificou de «sorpresa» a convocatoria dun pleno para aprobar os orzamentos vinculado a unha cuestión de confianza. «Un alcalde que, levando seis meses no cargo, non é capaz de dialogar e chegar a consenso con aqueles que de boa fe lle tendemos a man, non merece o noso apoio nin a nosa confianza», declarou aos medios a concelleira nacionalista. As críticas de Pilar López chegaban xurdiron trala reunión mantida co rexedor socialista para intentar un achegamento sobre os orzamentos do vindeiro ano. López presentoulle a Tomé unha proposta con oito propostas, que priorizaban os servizos sociais e o binomio saneamento máis Porto Seco. A concelleira nacionalista criticou que o alcalde respostara «rexeitando o diálogo e o acordo», a pesares da «boa vontade que sempre manifestamos publicamente, como proban os últimos apoios acadados nos Plenos».

TOMÉ DI QUE AÍNDA ESTÁ ESPERANDO A RESPOSTA DO BNG SOBRE A XUNTANZA PREVIA

Dado que estas críticas foron repetidas durante a celebración do Pleno, o alcalde de Monforte, José Tomé, respondeu á voceira do BNG acusándoa de «mentir cando di que non houbo diálogo». O rexedor socialista insistiu en que a súa vontade na reunión previa foi «recibir as súas propostas, e eu aceptei varios cambios». Tomé recriminou á concelleira nacionalista porque «despois desa xuntanza dixo que ía falar co seu grupo municipal, e aínda estou esperando a súa resposta».

PILAR LÓPEZ LEMBROU A TOMÉ QUE «NON TEN MAIORÍA PARA APROBAR ESTES ORZAMENTOS»

No Pleno, Pilar López volveu referirse á cuestión de confianza. Acusou a Tomé de «facer unha lectura errónea das eleccións municipais de maio», xa que «non ten maioría para aprobar estes orzamentos, e en vez intentar acordos bota man dunha cuestión de confianza». López lembrou que «é unha figura legal pero debe ser usada excepcionalmente despois de ter esgotadas as vías de diálogo». A portavoz nacionalista acusou ao alcalde de Monforte de «facer un uso perverso» desta fórmula legal.

TOMÉ, «SORPRENDIDO» PORQUE O BNG PROPOÑA PARTIDAS «ÁS QUE NON DESTINOU NIN UN SÓ EURO NOS 12 ANOS QUE GOBERNOU»

Durante o cruce de acusacións, José Tomé fixo referencia a unha das propostas de López, na que pedía introducir unha partida de 40.000 euros para atención a nenos e adolescentes. O alcalde manifestouse «sorprendido» por esta proposta, «xa que durante os 12 anos de goberno nacionalista, non se destinou nin un só euro a este punto».

JULIA RODRÍGUEZ CRITICA A «FALTA DE VONTADE NEGOCIADORA» DO GOBERNO LOCAL

Pola súa banda, a portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, puntualizou que a proposta de orzamentos para 2016 do equipo de Goberno contiña varios aspectos «que non son bos para Monforte». Rodríguez suliñou tamén que «o equipo de Goberno está amosando unha falta de vontade negociadora ao someter os presupostos a unha cuestión de confianza seis meses despois de chegar ó goberno».

JOSÉ TOMÉ: «MONFORTE NON PODE SEGUIR ESPERANDO NIN PERDENDO O TEMPO»

En resposta ás críticas, o alcalde pediu aos principais grupos da oposición «que axuden a gobernar e non poñan pedras no camiño». José Tomé aproveitou para facer un recordatorio dos seus tempos na oposición, cando dixo que «eu lles axudei e agora tócalles a vostedes». O rexedor local insistiu diante dos membros do Pleno municipal en que «Monforte non pode seguir esperando nin perdendo o tempo», destacando as que considera principais necesidades da cidade. «Haille que poñer solución ao PXOM e tamén ao Plan Especial», afirmou Tomé, que acusou aos grupos da oposición de «ofender e insultar».

ESPERTAMONFORTE CRITICA A TOMÉ POLAS SÚAS «POLÍTICAS DE CARA Á GALERÍA»

Días antes da celebración deste Pleno, o grupo municipal de Espertamonforte sumábase ás críticas contra o labor do equipo de Goberno, neste caso a raíz dos pinchos de Nadal organizados para os traballadores do Concello. Espertamonforte puntualizaba que, aínda bendecindo este tipo de eventos «que reforzan a comunicación e os lazos» entre a plantilla municipal, «é importante lembrarlle á veciñanza que isto se está a realizar con cartos de todos os monfortinos, a través da partida de gastos de representación do Concello». Consideran que «as políticas do alcalde baséanse máis en quedar ben de cara á galería que en atallar os principais problemas da nosa vila». O grupo municipal reclamou máis atención para iniciativas como a aceleradora de empresas que se prevé instalar na comarca.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Obradoiros de deseño gráfico e de elaboración de inventos para estrear o ano en Chantada

Seguinte Nova

Aí ven o Entroido!

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: