•O Club de Baloncesto Sarria rematou o ano sendo fiel ao seu espíritu comprometido e dinamizador. Máis aló do deporte e da súa capacidade de fomento da convivencia, dende a estructura que xestiona o clube sarriao buscan repercutir positivamente no conxunto da sociedade.
Con este obxectivo, o CB Sarria aproveitou o Nadal para organizar unha acción solidaria moi axeitada nestas datas. En colaboración coa Cruz Vermella de Sarria, unha das entidades máis dinámicas da vila xacobea, o clube deportivo levou a cabo unha campaña de recollida de alimentos non perecedeiros e xoguetes con destino ás persoas máis necesitadas da contorna. O Pavillón do Chanto serviu como punto de recollida destes produtos, nos contenedores instalados polos membros do CB Sarria, para que afeccionados, xogadores e familias puidesen depositar a súa contribución a esta campaña.
Dende a directiva do CB Sarria cualificaron esta iniciativa de «positiva», e agradeceron a colaboración dos sarriaos. Pola súa banda, a Cruz Vermella foi a encargada de distribuír os alimentos e xoguetes recollidos durante a campaña.•