• O organismo provincial aprobou en Xunta de Goberno o pasado día 15 unha guía de colaboración para ofrecer aos Concellos asesoramento técnico e administrativo para concorrer ás axudas que vén de aprobar o Goberno central por dano en infraestruturas producidos polos temporais que tiveron lugar a comezos do 2016.
Según explicou o voceiro socialista na Deputación, Álvaro Santos, este é un servizo de nova creación, posto en marcha dende o departamento de Xestión Territorial, e que «vai axudar a reducir custes e aforrar cartos aos concellos lucenses».
Santos lembrou que, según os datos do Estado, son oito os municipios lucenses que declararon desperfectos e poden concurrir a estas axudas: Begonte, Cervantes, Guntín, Lugo, O Incio, Outeiro de Rei, Quiroga e Xermade. O voceiro socialista explicou que nestas axudas, o Estado subvenciona o 50% dos traballos, e as subvencións deben solicitarse nun prazo de dous meses.
Álvaro Santos precisou que, aqueles concellos que non conten con persoal especializado neste tipo de xestións, poderán elixir entre as dúas vías de colaboración que lle proporciona a Deputación de Lugo. Por unha banda, poderán beneficiarse de asistencia técnica e administrativa, para realizar os informes e estudos dos danos e a redacción dos proxectos finais, e por outra, poderán optar pola xestión directa, que inclúe os mesmos procedementos que a anterior modalidade máis a tramitación das axudas ante o Ministerio de Facenda.•