Aí ven o Entroido!

•Todas as opcións para disfrutar da festa máis colorista do ano no sur de Lugo

 

Monforte dá paso ao Entroido con novidades nos premios dos concursos

As rúas monfortinas volverán vibrar coa animación das comparsas e carrozas o vindeiro 9 de febreiro, Martes de Entroido. Arquivo EC.
As rúas monfortinas volverán vibrar coa animación das comparsas e carrozas o vindeiro 9 de febreiro, Martes de Entroido. Arquivo EC.

• Un ano máis, Monforte celebrará con intensidade o Entroido, enchendo as rúas de humor, imaxinación e creatividade.

4 DE FEBREIRO, XOVES DE COMADRES, PRELUDIO DO MARTES DE ENTROIDO

Logo da celebración do Xoves de Compadres, a vindeira cita será o día 4 de febreiro, Xoves de Comadres, que preludia a gran concentración de Entroido, no Desfile do martes 9 de febreiro. O último día para inscribirse no Xoves de Comadres é o mércores 3.

Os disfraces e comparsas concentraranse na Praza da Estación ás cinco da tarde, para iniciar o tradicional percorrido polas rúas Calvo Sotelo, Roberto Baamonde e Cardeal, e desembocar na Praza da Compañía.

PREMIOS NAS DIVERSAS CATEGORÍAS

Para recoñecer esta dedicación, o Concello de Monforte incorpora novidades nos premios e criterios de valoración do concurso, tanto de compadres e comadres, como do concurso de disfraces e comparsas do Martes de Entroido.

Nas valoracións para puntuar aos mellores compadres e comadres, o Concello introduce por vez primeira criterios obxectivos. O xurado valorará a orixinalidade dos materiais empregados, a montaxe, o interese etnográfico, a crítica social, a posta en escea, e a utilización de música en vivo. Cada factor puntuará entre un mínimo do 10% e un máximo do 25% sobre o total da puntuación. Establécense dous premios e un accesit para a modalidade individual e colectiva, e dous premios de 100 euros cada un á etnografía e á crítica social.

A novidade nos premios do concurso do Martes de Entroido céntrase na diferenciación entre deseños locais e de fóra da cidade. A mellor comparsa monfortina de máis de 90 compoñentes poderá gañar ata 1.000 euros, mentres que as de fóra optarán a un premio de 350 euros. Ademais, haberá premios de 100 euros para a mellor comparsa tradicional, para a mellor posta en escea e a mellor música en vivo, mellor humor e mellor crítica de actualidade.•

 

O día grande do Entroido en Ferreira será o sábado 13 de febrero

Polo seu especial calendario, a cita de Entroido en Ferreira culmina as celebracións no sur de Lugo. Arquivo EC.
Polo seu especial calendario, a cita de Entroido en Ferreira culmina as celebracións no sur de Lugo. Arquivo EC.

• O Entroido de Ferreira celebrarase este ano o sábado 13 de febreiro. Como vén sendo habitual, a cita festiva de Pantón pecha o ciclo do Entroido no sur de Lugo, ao non coincidir cos desfiles que se celebran nas diversas vilas entre o Sábado e o Martes de Entroido. Este calendario permite así que comparsas e disfraces dos diversos puntos da comarca de Lemos teñan outra oportunidade máis de festa e diversión. A axenda do Entroido de Ferreira concéntrase o sábado 13 de febreiro pola tarde na Praza do Concello, onde terá lugar o desfile de comparsas, o baile de disfraces e a chocolatada para todos os participantes.•

Baile da Cachucha, concurso de disfraces infantís, animación e inchables no Entroido de Sober

•Será o sábado 6 de febreiro •Ese día entregaranse os premios do II Certame de Coplas de Compadres e Comadres

O Entroido en Sober celebrarase o sábado 6 de febreiro, con actividades para toda a familia. Arquivo EC.
O Entroido en Sober celebrarase o sábado 6 de febreiro, con actividades para toda a familia. Arquivo EC.

 

• O sábado 6 de febreiro celebrarase o Entroido en Sober, nunha cita colectiva que aglutina a nenos e maiores na gran comparsa. A comitiva, integrada por membros da Banda de Música de Sober, alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música, do PAI e do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme, sairá ás cinco da tarde da Praza do Concello e rematará no Pavillón do colexio, onde está organizada unha merenda para todos os participantes. Dende as seis e media haberá actividades para os máis cativos, con música, xogos e inchables e un concurso de disfraces infantís.

DEGUSTACIÓN GRATUÍTA DE CACHUCHA E VIÑO

A quenda dos maiores comezará ás sete e media, coa décima edición do Baile da Cachucha, onde ademais de música, os participantes poderán disfrutar dunha degustación gratuíta de cachucha e viño. A xornada rematará co concurso de disfraces para adultos.

COMPADRES E COMADRES

Nos días previos ao Entroido, Sober celebra os tradicionais Xoves de Compadres e Comadres. Para darlle maior impulso, dende o Concello organizan o II Concurso de Coplas de Compadres e Comadres, cuxos galardóns entregaranse o sábado 6. Esta cita tamén terá participación infantil, nos obradoiros de compadres e comadres nas Merendas con Contos na Biblioteca.•

O Desfile de Entroido percorrerá Quiroga o domingo 7 de febrero

A rúa Real de Quiroga convertirase nunha pasarela de creatividade, imaxinación e cores no Desfile de Entroido do 7 de febreiro.  Arquivo EC.
A rúa Real de Quiroga convertirase nunha pasarela de creatividade, imaxinación e cores no Desfile de Entroido do 7 de febreiro. Arquivo EC.

• Quiroga vestirase de gala, colorido e humor na tarde do domingo 7 de febreiro, para celebrar o Concurso Desfile de Entroido. A comitiva partirá ás cinco da tarde da rúa das Piscinas, ao longo da rúa Real e rematando diante da Casa da Cultura. A entrega de premios realizarase na Praza de Pacios, xa que o desfile coincide este ano coa festa do San Blas.

PREMIOS DE PARTICIPACIÓN A TODAS AS COMPARSAS

Según informaron dende o Concello, o concurso desenvolverase na modalidade de comparsas e de disfraces individuais. Os premios para as dúas categorías serán en metálico, que se entregarán ao remate do desfile. As comparsas, de Quiroga ou de fóra do municipio, deberán ter un mínimo de 10 membros, e optarán a tres premios de 500, 300 e 150 euros. Todas as comparsas non premiadas recibirán 60 euros pola súa participación. En canto aos disfraces individuais, a organización estableceu un máximo de participación de tres membros por disfraz. Nesta modalidade individual, todos os disfraces optarán a un único premio de 60 euros.

O xurado do concurso estará composto por un membro de cada comparsa participante. Os criterios de valoración para a modalidade colectiva serán a orixinalidade dos deseños, a coreografía e a escenografía das comparsas. As bases do concurso establecen que os membros do xurado non poderán votar pola comparsa á que pertencen.

INSCRICIÓN PREVIA NO CONCURSO DE COMPARSAS

Para participar no concurso de comparsas, é preciso inscribirse antes do 4 de febreiro na Casa da Cultura de Quiroga. A inscrición pode realizarse persoalmente, ou a través do teléfono 982 435125.

FESTA INFANTIL DE DISFRACES O LUNS DE ENTROIDO

O luns 8 de febreiro, o Concello de Quiroga organiza unha actividade para os máis cativos, coincidindo coa celebración do Entroido e as vacacións escolares. Ese día, a partir das cinco da tarde, os máis cativos poderán disfrutar dunha festa infantil de disfraces, na Casa da Cultura. •

A POBRA DO BROLLÓN ESTREA NO ENTROIDO 2016 O I CONCURSO DE COMPADRES E COMADRES

Os disfraces, comparsas e carrozas animarán a xornada do sábado 6 de febreiro en A Pobra do Brollón. Arquivo EC
Os disfraces, comparsas e carrozas animarán a xornada do sábado 6 de febreiro en A Pobra do Brollón. Arquivo EC

•O Concello de A Pobra do Brollón pon en marcha por vez primeira o Concurso de Compadres e Comadres, o xoves 28 de xaneiro e 5 de febreiro. Os interesados poden competir en modalidade individual ou colectiva, que inclúe locais comerciais, colexios ou asociacións do municipio. Os deseños individuais estarán expostos diante do Concello a partir das 18,30 horas, para que poidan ser valorados e despois prenderlles lume. As creacións colectivas situaranse á vontade dos autores, e o xurado personarase ao longo da mañá de cada xoves para a súa valoración.Haberá dous premios por modalidade, e ao remate de cada xornada celebrarase unha chocolatada na Casa da Cultura.

Os preparativos do Entroido xa están en marcha en A Pobra do Brollón, cos obradoiros infantís de caretas, disfraces, compadres e comadres, os venres pola tarde na Casa da Cultura.

O día grande do Entroido na Pobra será o sábado 6 de febreiro. O desfile de comparsas, carrozas e disfraces partirá do cruce da estrada de Sáa ás cinco da tarde, acompañados pola charanga Unión Monfortina. Os premios entregaranse na Casa da Cultura ao rematar o desfile. Os interesados en participar deberán anotarse na Biblioteca Municipal, ou no teléfono 982 430546 antes do venres 5 de febreiro. Cada participante estará identificado por un número, que deberá recoller o mesmo día do desfile a partir das catro nas oficinas do Concello.•

EN MARCHA O ENTROIDO RIBEIRAO

O singular colorido do Entroido Ribeirao volta un ano máis a Chantada. Arquivo EC
O singular colorido do Entroido Ribeirao volta un ano máis a Chantada. Arquivo EC

•O Entroido Ribeirao xa arrincou en Santiago da Riba. Esta parroquia chantadina comezou os festexos o Domingo Lambedoiro, e seguirá cos Domingos Corredoiro e Entroido, e o Martes de Entroido.  As celebracións son a partir das catro, con pinchos e viños para todos os asistentes, e xogos populares.•

ENTROIDO EN SAN CLODIO O DÍA 6

O Entroido de San Clodio será o sábado 6 de febrero. (Arquivo EC).
O Entroido de San Clodio será o sábado 6 de febrero. (Arquivo EC).

•O sábado 6 de febreiro celebrarase o Entroido en San Clodio. O desfile de comparsas e disfraces sairá ás cinco e media dende o Polideportivo. A comitiva irá cara á Praza do Concello, onde terá lugar o Gran Baile de Entroido, a chocolatada e a entrega de premios aos mellores participantes.•

SARRIA CELEBRA O DESFILE E CONCURSO DE ENTROIDO O DOMINGO 7 DE FEBREIRO

As rúas de Sarria encheranse de animación un ano máis co Desfile do Domingo de Entroido. Arquivo EC
As rúas de Sarria encheranse de animación un ano máis co Desfile do Domingo de Entroido. Arquivo EC

•Un ano máis, as rúas de Sarria encheranse de animación e cores co Desfile de Disfraces e Comparsas de Entroido, que se celebrará o domingo 7 de febreiro. A comitiva iniciará o desfile dende o Barrio da Estación ás cinco e media da tarde, e fará o percorrido habitual polas principais arterias da vila ata desembocar no Pavillón do Chanto, onde se levará a cabo a entrega de premios.

Según explican as bases do concurso de disfraces e comparsas, a valoración do xurado terá en conta a orixinalidade dos deseños, a posta en escea, a simpatía e a graza dos participantes.

REUNIÓN OBRIGATORIA O XOVES 4 DE FEBREIRO ÁS 20,30 HORAS NO CONCELLO DE SARRIA

As comparsas e carrozas que queiran participar están convocadas a unha reunión obrigatoria no Concello de Sarria o xoves 4 de febreiro ás 20,30 horas, para establecer os detalles

de participación, espazos e orde de presenza no desfile. Ademais, o Concello de Sarria anunciou nas bases de convocatoria deste concurso que outorgará a cada participante da comarca de Sarria unha cantidade en metálico, para fomentar a participación. No caso das comparsas será de 80 euros, e para as carrozas será de 120.

PREMIOS DENTRO DA CATEGORÍA ADULTOS

O xurado concederá dous premios por cada categoría. Así, na modalidade de adultos para carrozas de 15 ou máis participantes, os premios serán de 300 e 260 euros, e para carrozas de menos de 15 membros serán de 200 e 150 euros. As comparsas de adultos de 15 ou máis participantes optarán a dous premios de 250 e 200 euros, e as comparsas con menos de 15 membros terán 2 premios de 180 e 150 euros.

PREMIOS PARA COMPARSAS E CARROZAS INFANTÍS

Xa na modalidade infantil, os premios ás carrozas de 15 ou máis participantes serán de 250 e 200 euros, e as de menos de 15 membros optarán a 150 e 100 euros. As comparsas infantís de 15 ou máis persoas competirán por dous premios de 200 e 160 euros, e as de menos de 15 persoas optarán a 150 e 100 euros.

PARTICIPACIÓN DE FÓRA DA COMARCA

Por último, para colectivos procedentes de fóra da comarca de Sarria, haberá un único premio de 200 euros para a mellor carroza, e outro de 100 euros para a mellor comparsa.•

ENTROIDO EN BÓVEDA O DOMINGO 7 DE FEBREIRO

Os concursos de disfraces e de postres centran a actividade do Entroido en Bóveda. Arquivo EC
Os concursos de disfraces e de postres centran a actividade do Entroido en Bóveda. Arquivo EC

•O día grande do Entroido en Bóveda será o domingo 7 de febreiro. A partir das cinco da tarde, o Centro Sociocultural acollerá diversas actividades para todos os públicos.

V CONCURSO DE POSTRES DE ENTROIDO

O Concurso de Postres de Entroido acada a súa quinta edición, na que se poderán presentar outro tipo de sobremesas de fóra de tempada, pero que non competirán. Só se admiten a concurso, como vén sendo tradicional, as elaboracións propias de Entroido, como filloas, orellas, leite fritida, rosquiñas, torradas ou vexigas, entre outras especialidades. As persoas que queiran concursar deberán inscribirse no Concello de Bóveda antes do 5 de febreiro, aportando os seus datos persoais e o nome do postre, ao que se lle outorgará un número identificativo dentro dun sobre pechado que se abrirá ao entregar o postre o mesmo domingo.

Só se admitirá un postre por concursante, en cantidade suficiente para servir as tres racións da cata do xurado. Aínda que a presentación dos postres numerados será ás catro da tarde do domingo, deberanse entregar con antelación para dispoñer as mesas. O xurado, composto por cinco persoas, valorará o sabor, a presentación e a orixinalidade dos postres de Entroido presentados. As bases do concurso establecen tres premios, que consisten en programas de relax e tratamentos termais valorados en 90 euros, que caducarán aos tres meses de ser concedidos. O xurado dará a coñecer os nomes dos gañadores e faralles entrega dos seus premios ao remate das actividades do mesmo domingo.

CONCURSO DE DISFRACES NO BAILE DE ENTROIDO

Tamén no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Bóveda terá lugar o baile de disfraces con animación, que incorpora xogos e música. Todos os disfraces presentes no baile poderán participar no concurso, recollendo un número e dorsal identificativos á entrada do baile. A organización premiará o disfraz feito con material de refugallo, o máis orixinal, o disfraz do máis cativo e o do máis maior, o disfraz de grupo máis divertido, e o de grupo máis numeroso. Os premiados recibirán libros e xoguetes como agasallo.

O mesmo domingo 7 de febreiro inaugurarase a exposición cos deseños participantes no concurso para a elaboración do cartel da XIII Feira Outrora.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte comenza o ano sen acordo para aprobar os orzamentos

Seguinte Nova

Acordes solidarios máis aló do Nadal

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: