• O vindeiro sábado 30 de xaneiro, o Club Billar Círculo de Chantada afronta o reto de medirse diante do líder da liga, o Servitega Billaristas Errantes, en Pontevedra. Un equipo que domina o taboleiro con 10 puntos, a falta de dúas xornadas para completar a primeira volta da liga galega de billar a tres bandas. En segunda posición sitúase o Sporting Club Coruña, con seis puntos, logo de derrotar aos dous equipos do Chantada na última xornada. Os chantadinos continúan coas rotacións, e os coruñeses desembarcaron co número un da liga, José Manuel Manteiga, e tres dos seus mellores xogadores.
BOA CLASIFICACIÓN
As dúas formacións do Club Círculo de Chantada teñen a oportunidade o día 30 de sumar puntos e asegurarse a súa presenza na metada alta da táboa. Ao remate da quinta xornada, o Círculo Chantada B situábase en terceira posición con cinco puntos, e o equipo A no quinto lugar con 4 puntos.•