• A programación das Tardes de Teatro en San Clodio afronta estes días as últimas sesións. Esta iniciativa lúdico-cultural está organizada polo Concello de Ribas de Sil e o Grupo de Teatro «Augas do Sil», en colaboración co programa Buxiganga da Deputación de Lugo.
TEATRO O DOMINGO 31 DE XANEIRO
A xa tradicional cita dominical co teatro en San Clodio volverá o 31 de xaneiro. A partir das cinco da tarde, hora habitual das representacións, o grupo de teatro A Ruada, de A Rúa, porán en escea a obra «A taberna sen dono». O protagonista, un taberneiro con problemas económicos, recurre ao ricachón da vila para que lle preste cartos. O ricachón tratará de facerse coa taberna, pero os veciños intentaran impedilo.
A PROGRAMACIÓN REMATA EN FEBREIRO
A derradeira representación do programa Tardes de Teatro no Inverno celebrarase o domingo 14 de febreiro ás cinco da tarde. O grupo Teatreir@s de Monforte porá o broche de ouro a esta tempada teatral en San Clodio coa obra «Os caciques».
Con esta programación, o Concello de San Clodio completa a oferta cultural para todos os públicos, aproveitando as posibilidades que ofrece o auditorio da nova sede municipal.•