A Deputación pon en marcha a Bolsa de Emprego e o Servizo de Guía Laboral

•A Bolsa de Emprego estreouse con 40 ofertas laborais •A Guía Laboral asesora de balde sobre como elaborar un currículo, preparar unha entrevista de traballo ou definir o perfil profesional

O deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, na rolda de prensa onde explicou os novos servizos de impulso ao emprego da Deputación de Lugo. GPDL
O deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, na rolda de prensa onde explicou os novos servizos de impulso ao emprego da Deputación de Lugo. GPDL

• Este mes, a Deputación de Lugo puxo en marcha dúas novas iniciativas de impulso ao emprego.

DIVERSOS PERFÍS PROFESIONAIS NA BOLSA DE EMPREGO

O organismo provincial activou a Bolsa de Emprego, que ofrece na súa apertura un total de 40 postos de traballo vencellados ao programa Ben Empregado, desenvolvido pola Deputación. Según explicou o deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, a Bolsa de Emprego está a ofrecer perfís como dependentes, camareiros, deseñador de ofertas turísticas, peóns gandeiros, axudante avícola, responsable de innovación en prevención de riscos laborais, condutores, monitores, especialistas en rehabilitación de pedra granítica ou peóns agrícolas.

Santos explicou como se pode optar a estes postos de traballo. O acceso será a través da web da Deputación, www.deputacionlugo.gal, clicando no espazo do Ben Empregado, a través do que se poderá acceder ao formulario coa relación de postos de traballo e o seu código correspondente. O periodo de solicitude será de 10 días naturais dende a data seguinte á súa publicación.

A GUÍA LABORAL RESPONDE ÁS NECESIDADES DETECTADAS NAS ENTREVISTAS DO BEN EMPREGADO

Outra das iniciativas que activou este mes a Deputación para impulsar o emprego é a Guía Laboral. Con este servizo, o organismo provincial trata de axudar aos que buscan un posto de traballo a preparar a súa candidatura de xeito eficaz. A idea xurdiu, según explicou Santos, logo de que se detectaran deficiencias nos candidatos ás prazas do Ben Empregado á hora de afrontar unha entrevista, preparar un currículo ou adaptarse á realidade das novas tecnoloxías. Os traballadores do departamento de Promoción Económica e Social realizaron máis de 6.000 entrevistas persoais dentro do programa Ben Empregado.

A Guía Laboral inclúe titorías individualizadas, nas que se aconsella sobre como elaborar un currículo ou unha carta de presentación, así como pautas para preparar unha entrevista de traballo. Este novo servizo tamén ofrece obradoiros, seminarios, e mesas sectoriais sobre dinámicas de grupo. Asimesmo, a oferta complétase con obradoiros de motivación e autoemprego, e sobre as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para mellorar a empregabilidade dos solicitantes.

SERVIZO DE ASESORAMENTO PRESENCIAL EN LUGO OU TELEMÁTICO VÍA WEB

Os interesados poden recibir o asesoramento da Guía Laboral de xeito presencial, acudindo ás oficinas da Deputación no Pazo de San Marcos en Lugo, ou ben de xeito telemático, a través da plataforma online do Ben Empregado.•

•A Guía Laboral ofrece asesoramento a tres niveis, según as necesidades dos demandantes de emprego

A Guía Laboral ofrece asesoramento en tres niveis:

•adecuación básica: concreta quen é o candidato, que quere e que busca, e mellórase a actitude e disposición que hai que ter nunha entrevista de traballo

•adecuación media: axusta o perfil do traballador, e detecta as súas carencias e necesidades de xeito personalizado

•adecuación alta: establécese unha análise máis especializada para coñecer a importancia das redes sociais e o mundo de internet na procura dun traballo; tamén se contemplará a posibilidade de abrir novos campos de traballo relacionados coa súa profesión e formación

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

UGT-Lemos denuncia a alta precariedade nos contratos

Seguinte Nova

Sober entregou os premios do Concurso de Beléns

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: