•O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra presentou a súa iniciativa «Un toque de color», na que están integrados os 21 murais realizados en espazos abandoados ou en deterioro para a súa recuperación a través das cores e da creatividade
• A Ribeira Sacra estivo presente, por oitavo ano consecutivo, na Feira Internacional de Turismo (Fitur), celebrada do 20 ao 24 de xaneiro nas instalacións do IFEMA en Madrid.
PROXECTO PIONEIRO NO ÁMBITO RURAL GALEGO
Esta cita, unha das máis relevantes no sector turístico mundial, serviu para presentar o proxecto «Un toque de color», centrado na realización de 21 murais exteriores que impulsou o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra nos últimos meses, para recuperar espazos abandoados ou deteriorados da paisaxe urbana nos municipios que integran esta entidade. A presentación deste proxecto, pioneiro no rural de Galicia, tivo lugar na tarde do día 21, e correu a cargo do presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañados polo deputado delegado da Área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Eduardo Vidal; o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé; o xerente do INORDE en representación da Deputación de Ourense, José Manuel Rodríguez; e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias. Tamén estivo presente neste evento o expresidente do Consorcio, Juan Carlos Armesto.
LOITA CONTRA O «FEÍSMO» PARA RECUPERAR A BELEZA DAS NOSAS PAISAXES
Na presentación do proxecto «Un toque de color en Ribeira Sacra», Luis Fernández Guitián lembrou que os distintivos desta zona son o viño e a paisaxe, elemento que definiu como «a palabra beleza feita paraxe». O presidente do Consorcio suliñou que este valor outorgado pola naturaleza pode verse alterado pola accióin humana, concretada no afamado «feísmo» cos seus muros deteriorados ou edificacións sen rematar. Para poñer remedio a esta situación, e en paralelo á tramitación da solicitude da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, dende o Consorcio impulsaron o proxecto «Un toque de color en Ribeira Sacra». Este proxecto entendía os desperfectos arquitectónicos como «lenzos en branco» onde realizar obras pictóricas de gran tamaño. Guitián explicou que estes murais, un en cada municipio do Consorcio «invertirían a cara dese feísmo e pasarían a converterse nun atractivo turístico máis, e nunha guía ilustrada do noso patrimonio material e inmaterial».
OS MURAIS RECOLLEN DESDE LENDAS LOCAIS A OFICIOS TRADICIONAIS
O proxecto, do que aínda quedan por materializar os murais de Monforte, Bóveda e Xunqueira de Espadanedo por motivos meteorolóxicos, levouse a cabo coa colaboración da empresa Cestola na Cachola e do artista ourensán Abraham Caride, que se encargaron da realización dos murais. A temática das súas creacións estivo relacionada con lendas e tradicións locais, os Camiños a Santiago, antigos oficios, homenaxes, paisaxe e elementos do noso patrimonio.
Os responsables do Consorcio de Turismo amosaron a súa «satisfacción» pola acollida deste proxecto, que espertou a curiosidade de profesionais e medios de comunicación acreditados en Fitur, ademais de recoller numerosas felicitacións.
PRESENTACIÓN DO PROGRAMA DE COMERCIALIZACIÓN «REGALA RIBEIRA SACRA» A AXENTES E MEDIOS
Ademais, dende o Consorcio de Turismo promoveron en Fitur, por segundo ano consecutivo, o programa de comercialización «Regala Ribeira Sacra». Os responsables do Consorcio mantiveron encontros cos diversos axentes de viaxe, e tamén con revistas e portais dixitais especializados, así como televisións.•