A portavoz do grupo municipal do BNG en Monforte, Pilar López, presentou unha moción sobre a reserva de espazo para carga e descarga nos establecementos hoteleiros da cidade. López asegurou que esta moción é resultado da petición que lle trasladaron diferentes empresarios deste sector, reclamando unha «solución». Según a voceira do BNG, estes empresarios queixábanse de non contar cun espazo diante dos establecementos para carga e descarga de equipaxes e pasaxeiros, xa que tampouco contan con garaxe privado para este servizo. Pilar López explicou que os empresarios xa se dirixiron ao Concello solicitando unha reserva deste espazo, «pero a resposta foi negativa por parte do Concello, xa que, segundo parece, é preciso modificar a Ordenanza Municipal existente dende 1992 sobre circulación, que non regula tal situación». López lembrou a necesidade de apoiar as demandas do sector turístico, xa que Monforte é a segunda cidade máis importante da provincia, ademais de capital da Ribeira Sacra.
Dende o BNG solicitaron ao Pleno na súa moción que o Concello modifique esta Ordenanza, e que regularice tamén outras reservas de espazo, sobre todo diante de edificios oficiais, para que sexan accesibles aos cidadáns. •