• O programa Outono Gastronómico, impulsado por Turismo de Galicia, recibiu o premio ao mellor produto de turismo activo que convoca anualmente a Feira Internacional de Turismo (Fitur) e a Revista Aire Libre.
Este galardón nacional na modalidade de enogastronomía, foi concedido por un xurado de profesionais do turismo, medios de comunicación, representantes do sector turístico e lectores da revista Aire Libre. O xurado destacou que, «grazas a acertada combinación dos deliciosos pratos da gastronomía galega e a estancia en acolledoras casas rurais, o programa permite a prezos moi competitivos gozar da beleza do outono galego en todo o seu esplendor».
DEZ CASAS RURAIS DO SUR DE LUGO
O programa Outono Gastronómico 2015, que acadou a súa novena edición, desenvolveuse dende o 11 de setembro ata o 13 de decembro. Dos 89 establecementos de turismo rural que participaron nesta última edición, 22 pertencen á provincia de Lugo. Na zona sur lucense, presentaron os seus menús especiais de outono aos visitantes aloxados dentro deste programa un total de 11 establecementos: Casa de Láncara, Casa Caxigueiro de Sarria, Casa do Romualdo en Taboada, as chantadinas Casa do Portomeñe e Pazo do Piñeiro, a Casa Caselo de Folgoso, Rectoral de Castillón en Pantón, Casa Grande da Ferrería de Rugando en Quiroga, e as soberinas Casa Grande de Rosende e Rectoral de Anllo.•