•José Manuel Barreiro: «A unidade é o activo máis importante do PP de Lugo»
•As candidaturas de Candia e Arias foron anunciadas logo de que o actual presidente, José Manuel Barreiro, renunciara a presentarse á reelección, despois de 14 anos á fronte do Partido Popular de Lugo

•O 4 de febreiro, José Manuel Barreiro anunciaba que non se ía presentar á reelección como presidente do Partido Popular de Lugo no congreso previsto para o 6 de marzo. Logo de 14 anos no cargo, Barreiro explicou que as súas razóns para non concurrir ao posto responden «a tres principios: a responsabilidade, a lealdade e a coherencia política». O aínda presidente precisou que o seu posto como voceiro no Senado «nun mandado especial obriga a redobrar os esforzos, o que esixe unha especial dedicación». Despois de agradecer a súa confianza a militantes, alcaldes e voceiros do PP, así como a Feijóo e Rajoy, Barreiro salientou que «a unidade é o activo máis importante do PP de Lugo».•
Elena Candia anunciou a súa candidatura para presidir o PP lucense

• A alcaldesa de Mondoñedo e voceira do grupo provincial do Partido Popular na Deputación, Elena Candia, anunciou que se presentará como candidata a presidir o PP lucense. Candia fixo pública a súa decisión o pasado 5 de febreiro, acompañada polo subdelegado en funcións do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, unha vez se coñeceu a renuncia á reelección por parte do actual presidente do partido na provincia, José Manuel Barreiro.
CANDIA OPTARÁ Á PRESIDENCIA ACOMPAÑADA POR CARBALLO DE NÚMERO DOUS
Elena Candia xustificou a súa decisión de presentarse á presidencia do PP lucense en rolda de prensa na sede do partido. «Somos a candidatura dos militantes do PP de Lugo, eles motivaron que demos este paso e queremos ser merecedores da súa confianza», afirmou Candia en presenza de Ramón Carballo, que concorrerá como vicepresidente na lista encabezada pola rexedora mindoniense. Na súa presentación, Candia asegurou que a súa «non é a candidatura de Barreiro, de Feijóo nin de Rajoy, non hai etiquetas, a nosa vocación é a de representar a todos os militantes desta provincia».
CANDIDATURA QUE COMBINA «EXPERIENCIA E RENOVACIÓN»
Na súa intervención, tanto Candia como Carballo tiveron palabras de agradecemento á figura do presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro. «O seu exemplo, compromiso, a súa dedicación, capacidade de traballo, liderado e xenerosidade son un exemplo para todos, o mellor presidente que nunca tivo este partido e merece que se coide o seu legado», precisou a alcaldesa de Mondoñedo.
Elena Candia e Ramón Carballo presentaron un proxecto de futuro baseado «na ilusión, nos valores e principios que representa o PP e no reto que presentan os lucenses: máis participación, máis transparencia, máis iniciativa e solucións eficaces». Os candidatos a encabezar o PP lucense defenderon a presentación dun proxecto «de moita xente», e que conta cos apoios suficientes para presentar unha candidatura e un proxecto «que combina con acertado equilibrio experiencia e renovación».•
Raquel Arias fixo pública a súa intención de presidir o PP de Lugo

• O luns 8 de febreiro, Raquel Arias Rodríguez anunciaba en rolda de prensa a súa intención de presidir o Partido Popular de Lugo. O anuncio da candidatura da actual delegada territorial da Xunta en Lugo viña baseado, según explicou a propia Arias, nun «proceso de cambio» no que a candidata representa a un «novo equipo de traballo conformado por militantes de base e responsables institucionais e políticos».
«A RENOVACIÓN QUE PIDE A SOCIEDADE»
Raquel Arias apuntou a que este equipo que encabeza está «convencido da necesidade de facer a renovación que está a pedirlle a sociedade á clase política». A candidata soberina a presidir o PP provincial definiu esta renovación «non como un cambio de caras ou unha cuestión de idade, senón como un proxecto de futuro e de equipo», que priorizará «as demandas que nos formulan os afiliados e as necesidades que expresa o conxunto da sociedade».
«DAR VOZ AOS NOSOS AFILIADOS NAS DECISIÓNS IMPORTANTES DE PARTIDO»
A proposta encabezada por Arias entende ao Partido Popular como «un organismo vivo, atento ao que pasa ao seu arredor, dinámico e flexible», ao tempo que aproveita «a solidez e garantía» que outorga «o partido hexemónico na provincia de Lugo». Dentro desta nova dinámica, o equipo encabezado por Raquel Arias basea a súa candidatura na «participación, xa que escoitar non é suficiente, e temos que dar voz aos nosos afiliados, fomentando a súa participación nas decisións importantes de partido». Arias aludiu á importancia de «aproveitar as sensibilidades da sociedade que nos transmiten os 12.000 afiliados do partido», dando voz á militancia, e reforzando a «presenza permanente do partido na rúa.
PROXECTO «NON CONTINUISTA PERO SÍ AGLUTINADOR»
Na presentación da súa candidatura, Raquel Arias suliñou que o seu proxecto «non é continuista, pero sí aglutinador, no que se poidan ver representados todos os afiliados». A actual delegada da Xunta en Lugo recoñeceu que, «sen renunciar en absoluto ao noso pasado, temos claro que non fomos capaces de estar á altura do que a cidadanía demandaba». Neste sentido, Arias aposta polo «debate interno entre compañeiros, nunca entre adversarios, para o enriquecemento do noso proxecto político», e gabou o feito de que haxa varias candidaturas porque «redundará en beneficio do noso partido, que sairá máis reforzado e máis acordo cos retos». Raquel Arias afirmou que a súa candidatura opta «pola suma de ideas», xa que «no noso proxecto non sobra ninguén».•