
• A comezos de febreiro, o grupo socialista no Parlamento de Galicia esixiu á Xunta «que cumpla os seus compromisos electorais», e poña en marcha un proxecto integral para rehabilitar e poñer en valor a muralla medieval de Monforte.
REXEITAMENTO DO PP
Según explicou o deputado socialista Vicente Docasar, esta iniciativa sería «de interese tanto dende o punto de vista cultural como turístico». O deputado monfortino fixo estas declaracións na presentación dunha proposición non de lei sobre esta cuestión. «O Partido Popular comprometeuse publicamente durante a campaña das últimas eleccións municipais a promover a rehabilitación integral da muralla de Monforte en presenza do propio presidente da Xunta», precisou Docasar. «Os socialistas queremos pensar que este compromiso adquirido era firme e segue por tanto aínda en pé», polo que Docasar lamentou que o Partido Popular rexeitara esta iniciativa.
O deputado socialista lembrou a necesidade de ter «vontade política e sensibilidade» para recuperar «un importante patrimonio cultural». Docasar entende que este proxecto podería servir «para atraer turismo a estas terras de Galicia tan necesitadas de incentivos».
PROXECTO POR FASES
A iniciativa presentada polos socialistas demandaba abordar por fases este proxecto «ambicioso, difícil e polo que vale a pena loitar», aproveitando o estudo de Ernesto Iglesias e do «minucioso plan de actuacións elaborado polo arquitecto José María Alonso Montero en 2008 por encargo da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta».
«RECUPERAR O PRESTIXIO DA POLÍTICA»
Vicente Docasar criticou a falta de compromiso do Executivo galego. «Temos que recuperar o prestixio da política a través do respecto aos compromisos que se adquiren en campaña electoral», afirmou Docasar.•