• O grupo socialista no Parlamento de Galicia demandou ao Executivo unha mellora «imprescindible» na seguridade viaria nas rotondas oeste, centro e norte de acceso a Monforte dende a nova vía de altas prestacións Monforte-Lugo.
O pasado 4 de febreiro, o deputado socialista Vicente Docasar defendeu unha proposición non de lei na Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento para acadar do Goberno as medidas oportunas que resolvan esta situación. Docasar argumentou a súa petición de máis seguridade «para acoller o constante incremento do tráfico que entra en Monforte, principal vía de conexión entre Lugo e Ourense», sobre todo despois da posta en servizo do novo tramos do corredor.
Neste sentido, as medidas que reclaman os socialistas céntranse na mellora da seguridade e na dotación do alumeado nas tres rotondas para afrontar a alta densidade de tráfico e as frecuentes néboas invernais. Docasar apuntou que a rotonda norte será a vía de conexión habitual co Porto Seco, e a rotonda centro dá acceso ao mercado gandeiro e ao Hospital Comarcal. Asimesmo, o deputado socialista reclamou «atención especial» á rotonda oeste, xa convertida na vía natural de entrada á cidade e onde conflúe o tráfico procedente de Lugo, Ourense, Santiago, Lalín e Chantada. De aí que Docasar reclame alumeado, beirarrúas e sinalización na coñecida como «Carretera de Chantada», tramo que abrangue dende a rotonda oeste ata a rotonda do Hórreo na ronda Emilia Casas.
Docasar reclamou o apoio do Partido Popular, xa que os termos da proposta socialista coinciden coa presentada polos populares unhas semanas despois de ter rexistrada os socialistas dita proposición.•