• A finais de xaneiro, tivo lugar a inauguración dun novo espazo no acceso ao embarcadoiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín. A este punto da Ribeira Sacra acudiron, entre outras autoridades, a directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.
OS CATAMARÁNS, «GRAN RECLAMO» DA RIBEIRA SACRA
Según explicou Castro, o novo espazo público foi resultado da rehabilitación e mellora do entorno do Edificio de Recepción, así como da estrada de acceso deste recurso turístico. O investimento foi de 192.000 euros, destinados ao acondicionamento e mellora do acceso á área de embarque do servizo de catamaráns, a creación dunhas áreas de aparcamento axeitadas tanto para autobuses como turismos, a creación dunha senda peonil separada do tráfico rodado, e a adecuación do pavimento existente no contorno inmediato do edificio, eliminando desniveis e facéndoo continuo para facilitar o tránsito dos peóns.
Nava Castro resaltou o «gran reclamo como atractivo turístico» dos catamaráns da Ribeira Sacra, e suliñou o despegue deste xeodestino en cifras turísticas. En 2015, a Ribeira Sacra rexistrou un incremento do 12,51% na cifra de ocupación, situándose en 173.302, e as pernoitas aumentaron nun 9,74% respecto ao ano anterior.•