O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra consolídase como entidade de xestión

O presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, a delegada da Xunta e a directora de Turismo de Galicia posan diante dun dos murais do proxecto "Un toque de color". Arquivo EC.
O presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, a delegada da Xunta e a directora de Turismo de Galicia posan diante dun dos murais do proxecto «Un toque de color». Arquivo EC.

• O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra acadou este mes o compromiso de Turismo de Galicia e as Deputacións de Lugo e Ourense para a renovación dos convenios correspondentes, que permitirán á entidade continuar coas súas actividades de promoción.

RIBEIRA SACRA, UNHA XESTIÓN «EXEMPLAR»

Na xuntanza mantida entre Turismo de Galicia e os responsables dos consorcios galegos, a xerente do Consorcio Ribeira Sacra, Alexandra Seara, expuxo os diversos proxectos desenvolvidos co apoio da Xunta. Neste sentido, dende Turismo de Galicia consideraron a esta entidade como «exemplar», e puxeron o seu caso como «modelo de cordialidade e bo facer» aplicable a outros xeodestinos. Seara lembrou que hai moitos casos de destinos con marca relativamente consolidada que seguen sen ente de xestión ou sen acordo entre os membros, o que imposibilita as inversións en promoción.

MÁIS DE 100.000 EUROS DA XUNTA PARA PROMOCIONAR A RIBEIRA SACRA EN 2016

Según adiantou a xerente do Consorcio, a sinatura do convenio con Turismo de Galicia realizarase ao longo deste mes, aínda que xa está confirmada a renovación da achega de 106.000 euros que xa se fixera o exercicio pasado. A novidade deste ano é que o Consorcio Ribeira Sacra vaise beneficiar por vez primeira dun convenio plurianual. Esta modalidade beneficiará tan só a tres xeodestinos, Ribeira Sacra, Arousa Norte e O Salnés, xa que, según precisou Seara, estas foron as entidades que demostraron «eficacia e eficiencia contrastadas». A xerente do Consorcio suliñou que esta decisión de Turismo de Galicia permitiralles desenvolver de xeito «máis áxil e doado» o traballo e a posta en marcha de proxectos pensando xa en 2017″.

O importe do convenio que van asinar as dúas entidades destinarase a apoiar liñas de produto, promoción e información. Por outra banda, as necesidades referidas á sinalización financiaranse a través dunha liña de subvencións que se vai convocar proximamente, baixo a modalidade de concorrencia competitiva. Nesta ocasión, van poder solicitar estas axudas non só os concellos, como ata agora, senón tamén as entidades supramunicipais.

APOIO DAS DEPUTACIÓNS

Ademais do compromiso de Turismo de Galicia, dende o Consorcio Ribeira Sacra acadaron a colaboración dos organismos provinciais de Lugo e Ourense. No caso lucense, o responsable de Turismo na Deputación, Eduardo Vidal, adiantaba en Fitur ao presidente do Consorcio, Luis Fernández Guitián, que o ente provincial vai incrementar a súa aportación anual en 5.000 euros, o que suporá unha axuda de 25.000. Esta cifra tamén foi a comprometida polo presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, e supón un aumento de 5.000 euros respecto ao ano pasado. Ademais, esta Deputación permitirá a contratación dunha persoa de apoio á xerencia do Consorcio, a través dun plan provincial de emprego.•

MÁIS FORMACIÓN NA RIBEIRA SACRA A TRAVÉS DA ESCOLA ITINERANTE DE TURISMO

•Este ano a Ribeira Sacra seguirá a beneficiarse, xunto con outros 5 xeodestinos, dos cursos que imparte a Escola Itinerante de Turismo do Centro Superior de Hostelería de Galicia. Estas sesións formativas van dirixidas a persoal e xerentes de establecementos de aloxamento e hostelería. Na xuntanza do día 29 de xaneiro, os responsables de Turismo de Galicia informaron de que se está a traballar en decretos que regulen xuridicamente diversos sectores do eido turístico.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

As axudas da PAC para 2016-2017 chegarán a a máis de 33.000 beneficiarios

Seguinte Nova

Completadas as melloras do albergue público de Ferreiros

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: