A Deputación presentou o Lugowork, o primeiro plan de emprego xuvenil participativo da provincia

•Vai dirixido a lucenses entre 18 e 30 anos en situación de desemprego

O deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos, e o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, na presentación do plan de emprego xuvenil Lugowork o pasado 22 de febreiro. GPDL.
O deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos, e o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, na presentación do plan de emprego xuvenil Lugowork o pasado 22 de febreiro. GPDL.

• Dentro das diversas iniciativas que está a poñer en marcha a Deputación de Lugo para impulsar o emprego na provincia, vén a sumarse un novo programa adicado á promoción laboral da mocidade.

COA IMPLICACIÓN DE EMPRESA E ENSINO BÚSCASE MAIOR INSERCIÓN LABORAL DESPOIS DESTE PLAN

O 22 de febreiro presentábase o Lugowork, o primeiro plan da provincia destinado a favorecer o emprego xuvenil implicando a todos os sectores produtivos e educativos. Según explicou o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, o carácter participativo do Lugowork busca acadar unha maior inserción laboral unha vez rematada esta programación, ao tempo que se potencian os diferentes sectores produtivos.

BENEFICIARÁ A UN MÍNIMO DE 300 MOZOS E MOZAS

Campos Conde suliñou que o Lugowork conta cunha financiación de 2 millóns de euros procedentes do Fondo Social Europeo. Este plan de emprego xuvenil beneficiará a un mínimo de 300 mozos e mozas lucenses de entre 18 e 30 anos que se atopen en situación de desemprego. Os solicitantes deberán estar inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, xa que é un requisito esixido pola Unión Europea neste tipo de programas.

CONTRATO POR CONTA ALLEA E APOIO AO EMPRENDEMENTO

O programa Lugowork ofreceralles formación gratuíta para a súa inserción laboral por conta allea en empresas da provincia. Con este fin, as empresas recibirán axudas de ata 4.200 euros para os custes salariais e de seguridade social destes novos traballadores durante 6 meses. O Lugowork tamén contempla a posibilidade do autoemprego, e os mozos que opten pola modalidade do emprendemento recibirán directamente ata 3.000 euros para poñer en marcha o seu negocio.

PROGRAMA EN TRES FASES

O presidente da Deputación explicou que o Lugowork vaise desenvolver en tres fases, que abranguen a fase de diagnóstico, a de formación dos participantes, e a de inserción laboral. O organismo provincial pon en marcha a primeira fase, na que se diagnosticarán as necesidades do mercado laboral para axustar a oferta de emprego á demanda. Según explicou Darío Campos, para isto «é preciso dialogar con todas as partes, empresa e desempregados, facendo o máis participativo posible a este plan».

Con esta idea, Campos Conde anunciou que a Deputación vai contactar «de xeito inmediato», por unha banda, con todos os colectivos que representan ao tecido empresarial lucense. «Eles son os que verdadeiramente coñecen as necesidades do mercado, para facer máis competitivos cada un dos sectores produtivos da provincia», explicou Campos Conde. Estas necesidades cubriríanse coa formación axeitada, que se lle ofrecerá aos mozos e mozas desempregados, que así poderían encher estes «vacíos laborais». Esta fórmula obtería, según Campos Conde, un dobre obxectivo, xa que combatería o paro xuvenil e, ao mesmo tempo, faría máis forte ao conxunto do tecido empresarial lucense.

A implicación no Lugowork tamén incluiría ás grandes empresas que operan na provincia, «pois son as que máis recursos teñen para poder facer novas contratacións».

O outro gran piar do programa está no ensino, polo que a Deputación vai manter encontros coa Universidade e cos centros de ensino de Formación Profesional, para entrar «en contacto directo cos mozos que remataron os estudos e están en paro», precisou Darío Campos. «Queremos informalos das necesidades que nos trasladaron as empresas, e tamén coñecer que proxectos teñen eles como emprendedores», afirmou.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Elena Candia e Raquel Arias optarán a presidir o PP de Lugo no XVII Congreso Provincial

Seguinte Nova

Aprendendo fóra das aulas no CPR Ferroviario

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: