En marzo comeza o Mes de Amandi, con actividades para todos en Sober
•O cartel anunciador está firmado pola monfortina Andrea Rodríguez, que gañou o concurso deste ano fronte a outras 30 propostas

• Sober iniciou a conta atrás para a celebración da XXXVI Feira do Viño de Amandi, que terá lugar os días 19 e 20 de marzo. A presentación do programa de actos da festa decana do calendario enolóxico da Ribeira Sacra tivo un escenario de excepción, os Muíños do Xábrega. A protagonista este ano será a presentadora lucense Silvia Jato, que actuará de pregoeira o domingo de Ramos. O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, lembrou que Jato «quedou prendada» da Ribeira Sacra durante a visita que realizou ao stand promocional instalado polo Consorcio de Turismo na feira FITUR o pasado mes de xaneiro. Guitián agradeceu á presentadora a súa «boa disposición», e afirmou que unha persoa «tan coñecida e recoñecida» como Silvia Jato «colaborará para que a nosa Feira siga tendo toda a difusión que merece».
SEGUNDO CARTEL DE AMANDI PARA ANDREA RODRÍGUEZ
O acto celebrado nos Muíños do Xábrega tivo como telón de fondo, ademais da impresionante paisaxe fluvial, o cartel gañador do concurso deste ano. O deseño elixido polo xurado entre as 30 propostas presentadas a concurso foi o da monfortina Andrea Rodríguez López, baixo o título «Verterse el vino es buen sino». A autora repite triunfo logo de gañar tamén a pasada edición do concurso de carteis organizado polo Concello de Sober. O xurado, composto polos artistas Humberto Loureiro, Sol Ocampo e Alejandro Ciurlini, elixiu por unanimidade o traballo de Andrea Rodríguez pola súa calidade e por ser o que máis relación gardaba coa Ribeira Sacra. A totalidade dos traballos presentados a concurso poderán verse na exposición que se inaugurará o primeiro día da feira, e que estará aberta ata o 20 de abril.
MES DE AMANDI
Na presentación nos Muíños de Xábrega, o alcalde de Sober deu a coñecer os actos que organiza o Concello como antesala á gran cita enolóxica. Como vén sendo habitual, nas semanas previas á feira, o municipio soberino acolle unha serie de actividades no chamado Mes de Amandi.
ELABORACIÓN DE CÓCTELES CON VIÑO DE AMANDI
Nesta ocasión, o programa iníciase cunha xornada de maridaxe de viño de Amandi con porco celta na Escola de Hostelería de Rosende, o 2 de marzo, en colaboración con ASOPORCEL e a Fundación Belarmino Fernández. O día seguinte, o Centro Sociocultural de Sober acolle ás cinco da tarde un taller de elaboración de cócteles con viño de Amandi, a cargo do barista Damián Seijas. Xa o venres, a cultura do Amandi chegará aos máis novos durante as «Merendas con contos» que se celebran na Biblioteca Municipal, e que este día centraranse na actividade «Contos sobre o viño», a cargo de Lois Pérez. A seguinte sesión das Merendas celebrarase in situ nunha adega desta subzona da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, onde os nenos e nenas achegaranse ao proceso de elaboración do viño.
XORNADA TÉCNICA NO CENTRO DO VIÑO DE MONFORTE
O Mes de Amandi continúa a manter un espazo para os produtores, que nesta edición se desenvolverá o xoves 17 de marzo. Ese día, o Centro do Viño de Monforte acollerá unha xornada técnica baixo o título «Alternativas ao viño tradicional: novos produtos», en horario de 9,00 a 14,20 horas. Esta xornada está organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.
Para promover a Feira de Amandi e a riqueza natural e patrimonial desta zona, o 18 de marzo emitirase dende Sober o programa de Radiovoz «Viaxe con nós», conducido por José Manuel Orriols.
SENDEIRISMO E LIBROS PARA COMPLETAR O MES DE AMANDI
O domingo 20 de marzo, día grande da XXXVI Feira de Amandi, a Asociación de Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra realizará a ruta Doade-Miradoiro Pena do Castelo, que rematará cunha visita con xantar no recinto da feira.
A programación do Mes de Amandi culminará o luns 21 de marzo, coa presentación do libro de Mariano Fisac «Galicia entre copas», no Restaurante Merenzao, ás 18,00 horas.•