•A proba desenvolverase na tarde do venres 25 de marzo, víspera da celebración da XXXIV Feira do Viño

• Quiroga segue a aposta polo deporte como un dos atractivos que dinamizan o programa da XXXIV Feira do Viño. A décimo segunda edición da Carreira Popular de Quiroga Feira do Viño desenvolverase o venres 25 de marzo, como antesala da celebración da Feira, os días 26 e 27. Na xornada deportiva, o calendario céntrase na tarde do venres, coa saída escalonada das categorías menores a partir das 16,15 horas, e o comezo da carreira absoluta ás 17,00 horas. A saída será dende diante da Casa do Concello, enfilando a rúa Real.
PERCORRIDO POR CATEGORÍAS
A carreira pitufo, para nados en 2012 e posteriores, abrirá a xornada ás 16,15 horas, cun trazado de 100 metros. As categorías prebenxamín, de 2009 a 2011 inclusive, e benxamín, de 2007 e 2008, sairán ás 16,20 horas, para correr 500 metros. Na categoría alevín, que inclúe aos nados en 2005 e 2006, o trazado será de 1.000 metros, a partir das 16,25 horas. Os participantes de categoría infantil, nados en 2003 e 2004, e categoría cadete, de 2001 e 2002, correrán 2.000 metros ao mesmo tempo, con saída ás 16,30 horas para ambos grupos.
INSCRICIÓNS E DORSAIS
A inscrición nas categorías menores é gratuíta, e pode realizarse a través da web www.popularquiroga.es ou www.championchipnorte.es.
Pola súa banda, a carreira absoluta arrincará ás 17,00 horas, cun trazado de 9 quilómetros, no que poderán participar ata 500 corredores. A inscrición pode realizarse do mesmo xeito que as categorías inferiores, pero deberán aboar un prezo de 3 euros por corredor.
A retirada de dorsais deberá realizarse no Concello de Quiroga o mesmo día da proba, preferentemente entre as 12 e as 14 horas, ou tamén dende as 14,30 ata media hora antes do comezo de cada proba.
A XII Carreira Popular de Quiroga Feira do Viño está organizada polo Concello de Quiroga, e conta con diversos colaboradores.
II RED BOI EN ABRIL
O calendario deportivo en Quiroga continuará no mes de abril, coa celebración da II Volta Cicloturista Quiroga Courel «Red Boi», o domingo 10 de abril. A marcha cicloturista partirá ás nove da mañá dende diante do Concello de Quiroga, onde estará o punto de entrega de dorsais. O percorrido é de 100 quilómetros, e inclúe o Alto do Boi e o Alto do Couto.•