• A Asociación Galega de Cooperativas Alimentarias (AGACA) vén de organizar diversas actividades formativas en varios puntos da nosa provincia. O día 17 continuou no Telecentro de Chantada o ciclo de Xornadas de Vacún que está a desenvolver AGACA, e que nesta sesión versou sobre bioseguridade e recría. Expertos en saúde animal e nutrición falaron sobre a importancia da bioseguridade nas explotacións de vacún leiteiro, e sobre as claves na recría de xovencas.
RENDIBILIDADE DOS MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN
Ademais do sector agrogandeiro, AGACA desenvolve accións divulgativas en torno ás actividades produtivas do medio rural. Así, o 27 de febreiro, este colectivo organizará en O Valadouro unha Xornada sobre Creación de Emprego e Riqueza mediante o Uso Cooperativo do Monte Comunal. Nesta volta, expertos en rendibilidade, xestión e innovación no eido forestal explicarán cómo identificar e potenciar os recursos dos montes en man común para os veciños.•