•O mapa sinóptico M3, ou MetroMinutoMonforte, describe as rutas escolares en metros de distancia e no seu equivalente en minutos
• Monforte de Lemos xa ten unha nova cartografía, pensada para camiñar. A mediados deste mes, o IES Daviña Rey presentou o MetroMinutoMonforte, máis coñecido como M3, que foi deseñado e calculado polo alumnado do primeiro ciclo de ESO. Según explicaron dende o instituto monfortino, a iniciativa inspirouse nun modelo pontevedrés, a partir da cal os escolares idearon unha colección de mapas singulares, cuxa primeira entrega é o M3. Este MetroMinutoMonforte ofrece unha detallada información das distancias en metros e en minutos de duración dos itinerarios ata os centros educativos da cidade. Os alumnos e alumnas realizaron as medicións correspondentes en cada ruta, e trasladaron os datos para o seu cálculo como traballo para a actividade de Matemáticas, para logo verquer as medicións definitivas na maqueta do mapa.
Os responsables deste traballo explicaron que o obxectivo do M3 foi reflexionar sobre a mobilidade urbana dos cidadáns, pero en especial dos escolares e das súas familias. Unha vez completado o mapa escolar, está previsto desenvolver outros trazados dentro da mesma liña. Este traballo enmárcase no proxecto Tips de Ruta sobre Mobilidade Sostible, do Plan Proxecta da Consellería de Educación.•