• A portavoz do grupo municipal do Partido Popular no Concello de Monforte, Julia Rodríguez, esixiu ao Goberno local que «dunha vez por todas» expoña a súa proposta para o mercadillo dominical. Dende o PP local consideran que a situación se atopa bloqueada «pola falta de posicionamento e de propostas concretas do alcalde».
REUNIÓN PARA ELABORAR UN BORRADOR DE ORDENANZA
Julia Rodríguez acusou ao rexedor local de pretender «que a oposición lle faga o traballo para, se o resultado é positivo, colgarse a medalla e, no caso contrario, botar balóns fóra e dicir que a culpa a tiveron os demais».
Por esta razón, dende o Partido Popular de Monforte solicitan ao alcalde unha reunión cos seus concelleiros como «paso previo» para a formulación dun borrador de ordenanza que aclare a posición do Goberno local, así como o modelo que quere implantar.
A voceira do PP monfortino considera que, ao existir posicións enfrentadas entre os vendedores do mercadillo do Parque dos Condes, debe ser o Goberno municipal o que primeiro debe formular unha proposta. Según Rodríguez, esta proposta debe determinar o modelo de mercadillo, definir o tipo de produtos que se van comercializar, e as condicións que deben cumplir os vendedores.
Julia Rodríguez criticou tamén que o alcalde «pretenda seguir mantendo reunións» sobre o tema do mercadillo «para que despois sexa a oposición a que se ocupe do seu labor», mentres que «para temas tan importantes como a conexión do saneamento do Porto Seco non se lle ocurre convocar aos grupos con representación municipal».•