•A vila xacobea acollerá a primeira fase do campionato entre os días 12 e 14 de xuño, e a proba rematará en Lugo •Participarán 32 equipos cun máis de 500 deportistas
•O baloncesto será protagonista do calendario deportivo da provincia de Lugo. O Campionato de España de Clubes Infantil Masculino celebrarase entre Sarria e Lugo na semana do 12 ao 18 de xuño. Nesta importante cita do basquet de base a nivel nacional participarán un total de 32 equipos, con máis de 500 deportistas. A primeira fase da competición disputarase entre o 12 e o 14 de xuño en Sarria, con partidos en horario de mañá e tarde no Novo Pavillón do Chanto. Pola súa banda, a capital provincial acollerá a fase final entre o 15 e o 18 de xuño.
IMPACTO ECONÓMICO DE 2 MILLÓNS DE EUROS
A organización do Campionato de España de Clubes da modalidade infantil masculina correrá a cargo da Federación Galega de Baloncesto e dos equipos Club Estudiantes Leyma Natura de Lugo e CB Sarria. Durante a presentación do evento, que tivo lugar na capital provincial o 15 de febreiro, o presidente do Estudiantes Lugo, Jesús Lázare, destacou o carácter «provincial» desta competición, xa que «Lugo é unha provincia de baloncesto». O impacto económico estimado pola organización deste evento é de 2 millóns de euros, que repercutiría non só nas dúas sedes, senón tamén en vilas como Guitiriz, Vilalba ou Monforte, que servirán de base para os participantes. Lázare precisou que se esperan 500 deportistas, máis un cento de persoas entre técnicos e persoal federativo, ademais dos familiares e acompañantes dos deportistas.
«GRAN TRABALLO» DE SARRIA NO BALONCESTO BASE
Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, cualificou de «acerto» levar o campionato ata Sarria. «Así o baloncesto non queda só nas grandes cidades, senón que tamén chega a vilas onde se está a facer un gran traballo, como en Sarria», suliñou Martín.
Asimesmo, o presidente do CB Sarria, Francisco García, destacou a oportunidade que este campionato ofrece á vila xacobea «para disfrutar de baloncesto de primeiro nivel en categorías menores», así como para «promover este deporte entre os nenos e nenas da vila».
PROMOCIÓN TURÍSTICA E CULTURAL
A alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, agradeceu á Federación a oportunidade que supón este evento «para intentar que a xente que veña repita a súa visita a Sarria». Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Efrén Castro, destacou a importancia destas competicións deportivas para promocionar a cultura e o turismo.
Por último, o vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable de Deportes, Antonio Veiga, lembrou o apoio do seu departamento ao deporte base en xeral, e tamén ao baloncesto.•