O grupo municipal Espertamonforte celebrou como «unha boa nova» o anuncio do anteproxecto de Lei da Xunta de Galicia que quere prohibir «o emprego e tenza de animais de especies silvestres nos circos, calquera que sexa a súa finalidade». Según explicaron aos medios os responsables de Espertamonforte, esta medida é unha das novidades que incluirá a Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía.
CRÍTICAS Á NEGATIVA DE PP E PSOE DE MONFORTE A PROHIBIR CIRCOS CON ANIMAIS
Neste sentido, a formación monfortina lembrou a moción que levou ao Pleno do Concello celebrado o 1 de febreiro, no que solicitaba que Monforte se sumara aos municipios galegos que teñen xa prohibidos os circos con animais. Dende Espertamonforte afirmaron «non entender plenamente» como o PP e o PSOE de Monforte votaron en contra desta moción, «cando foi aprobada noutras localidades polos mesmos partidos». Asimesmo, esta formación política queixouse da reacción destes dous partidos, que acusan a Espertamonforte de «afán e ansia de prohibición».
Espertamonforte manifestou a súa vontade de «seguir loitando e dando a cara pola nosa cidade para que sexa máis xusta», así como «seguir esixindo aos nosos representantes que estean á altura das circunstancias».•