• O verán será tempo de obras en varias parroquias do municipio de Monforte. Según anunciou este mes o alcalde, José Tomé, o Concello vai levar a cabo arranxos en 7 pistas de acceso a explotacións agrarias situadas nun total de 8 parroquias. En total, repararanse máis de 7,5 quilómetros de accesos, para o que se destinarán 121.278,30 euros. Este importe será confinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rexional, e polo propio Concello de Monforte.
A previsión é realizar estes traballos no verán, polo que xa se están a iniciar agora os trámites administrativos. «O verán é a época do ano coa climatoloxía máis axeitada para facer os traballos con máis calidade», explicou Tomé, «xa que os asfaltos consolídanse mellor e duran moito máis en mellores condicións».
MAL ESTADO DO FIRME E ACUMULACIÓN DE AUGA
Según explicaron dende o Consistorio, os viais que se van reparar forman parte da rede municipal, e amosan deterioros significativos no firme polo paso de maquinaria agrícola e forestal. Ademais, en ocasións presentan deficiencias de drenaxe ou cunetas en mal estado, o que provoca a acumulación de auga e lama nas pistas.
ACTUACIÓNS SEGÚN A NORMATIVA VIXENTE
O alcalde precisou que os arranxos van consistir na limpeza de cunetas e do firme, rebacheo, e aplicación de rego asfáltico en dobre ou triple capa, según as necesidades. Ademais, Tomé precisou que o proxecto non inclúe actuacións sobre a anchura das rúas ou novas aperturas, polo que está consonte a normativa urbanística do Concello de Monforte.
OBRAS MOI DEMANDADAS POLOS VECIÑOS
Por parroquias, en Reigada arranxarase o Camiño do Carreiro, aplicando asfalto a esta pista de terra. Tomé suliñou que esta obra «foi moi demandada polos veciños, xa que sae do propio núcleo e dá servizo a novas construcións e a parcelas agrícolas». Neste traballo investiranse 8.616,26 euros.
No Chao do Fabeiro mellorarase a estrada principal entre San Martiño e a estrada provincial que une Bóveda con Martín. O número e tamaño dos baches existentes neste vial centrou as demandas de arranxo por parte dos veciños, que non se acometeron ata agora «quizais por tratarse dun investimento realmente importante», precisou o alcalde. O proxecto destina 22.560,49 euros a estes traballos, que consistirán na limpeza de cunetas, rebacheo e asfaltado.
Outra das actuacións previstas será a mellora da pista entre o núcleo de As Nocedas e o campo da festa de Gullade. Os traballos serán similares aos do Fabeiro, cun importe de 12.894,64 euros.
Os baches centraron a preocupación dos veciños usuarios da pista que une Gullade con Guntín, sobre todo o deterioro do firme preto da igrexa de Guntín e no enlace coa estrada de Freixo. Os arranxos terán un custe de 18.729,40 euros.
«MANTER VIVO O NOSO RURAL»
En Marcelle mellorarase un tramo de preto de 2 quilómetros, a pista que nace na recta de Marcelle, partindo da estrada de Castro Caldelas e que une os núcleos de A Meda, Valdebolo e a Candeda. Esta actuación suporá o investimento máis elevado do proxecto, con 33.292,44 euros. Pola súa banda, en A Penela, vanse arranxar 700 metros da pista que parte da estrada cara Morade Pequeno e chega á Rubina, cun investimento de 10.880,16 euros.
ARRANXOS PENDENTES DENDE HAI 10 ANOS
No caso da parroquia de Vilamarín, o desgaste de varios tramos da pista dende a estrada de Morade Grande ata Gándaras foi provocado polos traballos de extracción da madeira. Tomé destacou que aquí non se fixo ningún arranxo nos últimos 10 anos, o que esixe un importante investimento de 30.829,18 euros para mellorar un treito de 1,3 quilómetros.
Dende o Concello suliñaron que, á suma destes importes por parroquia, engádese un gasto de control de calidade por valor de 1.883,79 euros.•