•Oito dos once participantes monfortinos no Campionato Galego de Técnica adultos remataron a proba cun metal •Estes resultados abren para os medallistas a opción de entrar no combinado da selección galega
•O club Neka continúa marcando o calendario deportivo de taekwondo a golpe de medalla. O bo ritmo que levan os máis novos do clube na competición está a ter continuidade nas xeracións máis veteranas, como se demostrou no recente Campionato Galego de Técnica para adultos, disputado en Teo o día 5 deste mes. Dos once deportistas que integraron a expedición do Neka á localidade coruñesa, oito voltaron con medalla á cidade do Cabe.
RESULTADOS INDIVIDUAIS
Na proba individual da categoría cadete, Carlos Fernández acadou a medalla de bronce, mentres que Carlos Rey conseguiu a prata na categoría junior. Neste mesmo grupo, Álex Camba rematou a proba en quinto posto, e o sétimo correspondeu a José Roca.
Xa en senior 1 individual, Meritxell Varela completou a súa intervención en sexto lugar, e Rodrigo Huanay completouna en masculino na novena posición. En master 2, Enrique Álvarez rematou en sexta posición.
MEDALLAS EN PARELLA E TRÍO
En competición de parellas, os de Neka conseguiron tres medallas de bronce. Yasmin Rodríguez e Carlos Fernández subiron ao podio en cadete, Elena Varela e Álex Camba fixeron o propio en junior, mentres que Meritxell Varela e Rodrigo Huanay foron medalla en senior.
Continúan coa súa excelente proxección os membros do trío junior, integrado por Carlos Rey, Álex Camba e José Roca, que completaron o campionato galego cunha medalla de bronce.
«O resultado foi moi bo», sinalou José Mª Vega, adestrador do club Neka, que valorou especialmente as medallas acadadas en parellas. «As tres parellas levan pouco tempo entrenando, e que as tres levaran medalla é moi boa noticia», precisou Vega.
CAMIÑO Á SELECCIÓN GALEGA
Con estes resultados, os medallistas do club Neka amplían as súas posibilidades de opción a entrar na selección galega, na preselección que se celebrará en Moaña o día 19. «Vistos estes resultados, hai posibilidade de que dous deportistas do Neka entren na selección», explica Vega, que tamén albisca boas perspectivas para o trío junior.
Previamente ás probas para a preselección galega, os de Neka participarán nun curso de técnica, tamén en Moaña, que impartirá o maestro Kim, bicampión de Europa e tricampión do Mundo.•