
• Durante a fin de semana de Ramos, Sober acollerá a Feira do Viño de Amandi, celebración decana no calendario enolóxico do sur lucense, e que acada este ano a súa edición número 36 coa participación de 23 adegas. Asimesmo, cada ano adícase a Feira a un concello da Ribeira Sacra, e nesta edición o protagonismo será para o municipio de Parada de Sil.
ADEGA PROENCIA INAUGURARÁ ESTA FEIRA DE AMANDI
Como vén sendo habitual, a inauguración oficial deste evento estará a cargo dunha das adegas da subzona de Amandi. Nesta ocasión, a apertura corresponderá á Adega Proencia, en lembranza do seu fundador, Tomás Arias Vázquez, falecido o ano pasado. O acto de inaguración será o sábado 19 de marzo ás 12 do mediodía na Praza do Concello, logo do disparo das bombas de palenque que anuncian o comezo da XXXVI Feira de Amandi.
A MÚSICA, GRAN PROTAGONISTA DA XXXVI FEIRA DO VIÑO DE AMANDI
O Grupo de Música Tradicional do AGADIC ofrecerá unha actuación neste mesmo espazo a partir das 12,15 horas, iniciando unha serie de concertos e actuacións musicais a cargo de diversas formacións locais e foráneas, que percorrerán a axenda dos dous días que dura a Feira de Amandi.
Xa pola tarde, comezará ás cinco e media a precata oficial na Sala de Catas do Centro Sociocultural de Sober. A música voltará a partir das seis da tarde, co espectáculo «Vaia Banda», a cargo de Odaiko Percusión e a Banda de Música de Sober. Ás oito e media da tarde será o turno da Charanga Mekánica. Pola noite, a música estará servida pola actuación de Anxo Lorenzo ás 23,00 horas, e ás doce e media da madrugada voltarán os ritmos da Charanga Mekánica.
UNHA BOMBA DE PALENQUE POR CADA COLLEITEIRO NO DÍA GRANDE DA FEIRA DE AMANDI
A xornada do domingo 20 de marzo, día grande da Feira de Amandi, iniciarase co disparo de 23 bombas de palenque, unha por cada colleiteiro participante. A partir das once menos cuarto regresará a música á Praza do Concello de Sober, coa actuación da Charanga NBA. Xa ás once, o ambiente animarase cos pasarrúas da Banda de Música de Sober.
A cata oficial da XXXVI Feira do Viño de Amandi desenvolverase a partir das once e media na Sala de Catas do Centro Sociocultural. A esta mesma hora, celebrarase a Misa solemne coa Bendición de Ramos na Igrexa de Sober.
SILVIA JATO, PREGOEIRA DESTE ANO
O gran acto da XXXVI Feira de Amandi iniciarase ás doce e media coa recepción de autoridades no Concello de Sober, e culminará á unha da tarde coa lectura do pregón da Feira, este ano a cargo da presentadora lucense Silvia Jato, e a entrega dos Premios aos adegueiros á unha e media.
A música será a protagonista da tarde do domingo de Ramos en Sober, cunha actuación ás cinco da Charanga NBA, e un baile a partir das sete e media, amenizado pola orquestra Poceiro, que porá fin á XXXVI Feira de Amandi.
ACTOS DO MES DE AMANDI ATA FINAIS DE MARZO
Ademais dos actos da fin de semana da Feira, dende o Concello de Sober están a desenvolver diversos actos durante todo marzo, dentro da programación do «Mes de Amandi».
Unha xornada técnica sobre novos produtos como alternativa ao viño tradicional, a emisión do programa radiofónico «Viaxe con nós» de RadioVoz, ou a exposición dos carteis presentados ao concurso da XXXVI Feira de Amandi compoñen esta programación.
Tamén haberá espazo para a literatura sobre viños, coa presentación do libro «Galicia entre copas», de Mariano Fisac, o luns 21 de marzo ás 18,00 horas no Restaurante Merenzao en Cadeiras.•