•O orzamento consolidado, de 88,3 millóns, foi aprobado cos votos do PSOE e BNG, ao ausentarse o PP da votación •A esta cantidade súmanse os remanentes de algo máis de 8 millóns, aprobados cos votos de PSOE, BNG e PP, co voto en contra do deputado non adscrito
• O pasado 29 de marzo, quedou aprobado o Orzamento da Deputación de Lugo para este ano, cun total de 96,3 millóns de euros. O orzamento consolidado para este ano, que ascende a 88.307.166 euros, foi aprobado coa maioría simple dos Deputados do PSOE e BNG, pois os do PP ausentáronse durante a votación, e o Deputado non adscrito votou en contra. Os remanentes, que suman 8.018.656 euros, foron aprobados cos votos de PSOE, PP e BNG, e co voto en contra do Deputado non adscrito. A suma das dúas cantidades supón que a Deputación lucense conte este ano cun orzamento de 96.325.822 euros. Según explicaron os responsables provinciais, os investimentos reais con respecto a 2015 aumentan en 16,6 millóns de euros grazas á débeda cero que ten a Deputación.
Dende o organismo provincial suliñaron que estas contas manteñen as liñas xerais que o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, presentara no Parlamento de Galicia no mes de novembro. As directrices orzamentarias están orientadas ao emprego, con 20 millóns, ás infraestruturas, con 15 millóns, e as políticas sociais, ás que irán 11,2 millóns de euros.
20 MILLÓNS PARA EMPREGO
Según precisaron dende a Deputación, o Goberno provincial elaborou estes presupostos tendo en conta as tres liñas consideradas prioritarias pola veciñanza nos primeiros Orzamentos Participativos da Deputación en 2015, e que son o emprego, as infraestruturas e as políticas sociais. Neste sentido, para a liña prioritaria, o emprego, estes presupostos destinan preto de 20 millóns de euros.
Dentro desta partida, 6,5 millóns irán a novos plans de emprego que inclúen aos 67 municipios da provincia, e 2 millóns máis procedentes da Unión Europea, que a Deputación de Lugo conseguiu captar para a posta en marcha do LuGoWork, o primeiro plan de emprego participativo na provincia, e destinado a lucenses desempregados de 18 a 30 anos.
A estas cifras hai que sumar os 10,5 millóns de euros que se están a executar para a contratación de máis de 500 lucenses desempregados en empresas e entidades da nosa provincia a través do programa Ben Empregado. Esta partida corresponde a fondos do ano pasado, que se seguen a executar no presente exercicio ao ter continuidade dito programa de emprego.
Por outra banda, hai que incluír os 525.000 euros da posta en marcha do primeiro Centro de Recría de Gando Vacún público en España, que prevé xerar 20 postos de traballo.
A partida destinada ao emprego complétase cos 363.300 euros destinados á posta en marcha das residencias e centros de día públicos de Castroverde, A Fonsagrada, Pol, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil, que van xerar un mínimo de 60 postos de traballo, según estimacións do organismo provincial.
INFRAESTRUTURAS NOS 67 CONCELLOS
O outro gran eixo dos orzamentos da Deputación para este ano céntrase nas infraestruturas, ás que se destinarán preto de 15 millóns de euros. Desta cantidade, 7,5 millóns irán ao mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de España, con 4.200 quilómetros. Pola súa banda, o Plan de Obras e Servizo (POS) cotnará con 5,7 millóns, o que supón triplicar o investimento respecto ao ano pasado. Por último, destinaranse 1,5 millóns de euros para obras nas traídas de auga e camiños dos 67 concellos da provincia.
INVESTIMENTOS EN POLÍTICAS SOCIAIS
Para políticas sociais, a Deputación vai destinar 11,2 millóns de euros, dos que 1,5 serán para o programa de Axuda no Fogar, que experimenta un incremento de 300.000 euros. O servizo de Teleasistencia contará con 335.380 euros, o que supón un custe cero para os concellos, e a posibilidade de incrementar o número de usuarios, se a Lei o permite.
O presuposto provincial tamén destina 200.000 euros á residencia de Ribadeo, que poderán ascender a 700.000 no caso de que, según explicaron os responsables provinciais, a Xunta non cumple co seu compromiso de financiamento. Asimesmo, na partida deste ano tamén se inclúen os 4,5 millóns, xa comprometidos no exercicio anterior, para as residencias e centros de día públicos de Navia de Suarna, Guitiriz, Meira e O Saviñao. As contas provinciais para 2016 inclúen 1,5 millóns de euros para os centros de maiores de Portomarín, Folgoso do Courel e Becerreá.
Dentro deste apartado tamén se integran os 1,6 millóns destinados ao primeiro Centro de Innovación Social en Galicia (INLUGO), Escola de Imaxe e Son e Fundación TIC, os 350.000 euros para o Plan de Impulso ao Campus de Lugo, 312.000 euros para a UNED, e 152.500 euros para Rof Codina e Relacións Laborais.
PLAN INTEGRAL DE TURISMO, E AFORRO ENERXÉTICO AOS CONCELLOS
Dende a Deputación de Lugo destacaron tamén a creación dun Plan Integral de Turismo na provincia, unha das apostas persoais do presidente, Darío Campos, e que contará con 500.000 euros este ano. Asimesmo, Campos tamén incluíu nos orzamentos a posta en marcha de medidas de colaboración cos Concellos para a xestión de residuos e aforro de custos enerxéticos, cunha partida de 1,5 millóns de euros para este ano.
PARTIDAS PARA DEPORTE E CULTURA
O deporte dispón nestes orzamentos dunha partida de 4,2 millóns de euros. Para as actividades culturais, incluíndo a Rede Museística Provincial, a dotación será de 7,5 millóns de euros, e para o impulso da artesanía e o deseño destinaranse 1,4 millóns. •
POLÉMICA DURANTE O PLENO PROVINCIAL
•O Pleno no que se aprobou o Orzamento da Deputación para este ano non estivo exento de polémica.
CANDIA: «A PROVINCIA NON SE MERECE ESTE GOBERNO»
O grupo provincial do PP acusou ao Goberno bipartito de «recorrer a manobras políticas para evitar, por primeira vez na historia da institución», a votación das emendas aos orzamentos no Pleno. A voceira do PP, Elena Candia, afirmou que no debate orzamentario «visualizouse que o Presidente non controla o Goberno, nin o Pleno, nin ten capacidade de diálogo, aínda cando lle ofrecen todo para chegar a un acordo á hora de elaborar os orzamentos da Deputación». Candia resumiu o balance deste pleno dicindo que «a provincia de Lugo non se merece este Goberno na Deputación, pero non será o PP o que bloquee a recepción de fondos aos concellos». Neste sentido, Candia expresou a satisfacción do grupo popular «por ter conseguido un incremento do POS e o SAF, aínda que non na contía desexada, e obras garantidas en 33 concellos».
POSTURA DO GOBERNO PROVINCIAL
Con respecto á polémica sobre as emendas, dende o Goberno provincial precisaron que «é o Presidente, como responsable legal da proposta de orzamento, o que ten a potestade legal de decidir se se aceptan ou non». Os responsables provinciais suliñaron que, «con todo, a maiores Campos Conde quixo celebrar unha Comisión Informativa, coa presenza da voceira do PP e do Deputado non adscrito, na que os propios técnicos da Deputación valorasen as emendas». «Estes concluíron que non se axustan á legalidade, non cumpren co límite temporal de presentación, invaden competencias da Presidencia ou infrinxen as liñas xerais do Orzamento presentadas no Parlamento galego», explicaron. •