•O pasado 19 de marzo, a atleta monfortina Saleta Fernández López proclamouse campiona de España junior na modalidade de salto de altura.
SALETA, UNHA DAS FAVORITAS DOS CAMPIONATOS NACIONAIS
A monfortina acudía como unha das grandes favoritas da edición número 43 das probas nacionais en pista cuberta que se celebraron o 18 e 19 de marzo na localidade barcelonesa de Sabadell. Saleta Fernández, que compite nas filas do FC Barcelona, acadou o ouro na clasificación nacional ao saltar unha altura de 1,77 m, cunha importante diferencia fronte á segunda clasificada, a atleta do Cueva de Nerja Virgina Martín Sepúlveda, que foi prata cun salto de 1,69 m.
GRAN RESULTADO DE SALETA A NIVEL DE CLUB
A participación da atleta monfortina foi tamén moi destacada a nivel de clubes, xa que Saleta foi a única muller do FC Barcelona que acadou medalla dentro dos cinco metais que lle corresponderon ao clube barcelonés nesta edición do campionato en pista cuberta junior.
A nivel autonómico, hai que destacar que a medalla conseguida por Saleta Fernández foi a máis alta das conseguidas pola expedición galega que participou nos Campionatos de España celebrados en Sabadell e Antequera. Ao ouro de Saleta Fernández hai que sumar a prata de Miguel González e o bronce de Adrián Ben, ambos en 3000 metros, e o bronce de Darío Costas en heptathlon.•