•Estímase que a afluencia de turistas no municipio foi maior, xa que moitas persoas van directamente ao Mosteiro ou a enclaves naturais como a Fervenza de Auga Caída
• A Semana Santa encheu de visitantes os diversos recunchos da Ribeira Sacra, atraídos pola natureza, a gastronomía e a riqueza natural. Na Oficina de Turismo de Pantón, situada no Edificio Sociocultural de Ferreira, contabilizáronse un total de 95 visitantes, que consultaron sobre diversas cuestións relativas á súa estancia vacacional.
Según explicaron os responsables da Oficina de Turismo, esta cifra de turistas non responde á realidade dos que visitaron Pantón durante a Semana Santa, xa que son moitas as persoas que xa acuden directamente a coñecer o Mosteiro das Bernardas de Ferreira, encargan rutas especializadas polo patrimonio da zona, ou se dirixen a entornos naturais de gran interés, como a Fervenza de Auga Caída, sen pasar pola Oficina de Turismo de Ferreira.
MEDRA O INTERÉS POLAS VISITAS GUIADAS AO ROMÁNICO
En canto a itinerarios, según informaron dende o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, a ruta do Románico de Pantón, que inclúe tamén visitas a O Saviñao e Sober, acadou unha cifra de 40 visitantes, moi superior aos 18 usuarios da Ruta do Románico de Chantada. Dende o Consorcio estiman que esta diferencia debeuse a cancelacións polo mal tempo.
Asimesmo, o Consorcio destacou que os servizos de guía turístico para o románico foron contratados a título particular por varias familias e grupos pequenos, o que manifesta o interés da xente polo patrimonio monumental.
Por outra banda, cabe destacar o 100% de ocupación que acadou o servizo de Viñobús do Consorcio.
A OCUPACIÓN NA RIBEIRA SACRA AUMENTOU UN 22% NOS DÍAS NON FESTIVOS DA SEMANA SANTA
En canto á ocupación hoteleira na Ribeira Sacra, os datos falan dun balance superior ao ano pasado. Según o Consorcio, nos días santos a ocupación subiu nun 6%, mentres que o resto da semana o aumento foi do 22% respecto a 2015. De aí que os hosteleiros consideren que esta Semana Santa foi «boa e moi longa», según as referencias recollidas polo Consorcio entre os profesionais do sector.•