A Área de Cultura da Deputación desenvolve dende o 1 de abril unha intensa programación en torno á figura do creador, homenaxeado este ano pola Academia Galega de Belas Artes
• A partir do 1 de abril, os concellos da provincia de Lugo van acoller unha ampla axenda de actividades en torno á figura artística de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O insigne e polifacético creador vén de ser escollido como autor homenaxeado este ano pola Academia Galega de Belas Artes. Con este motivo, a Área de Cultura da Deputación de Lugo decidiu organizar o Ano Castelao 2016 «para destacar as súas achegas teóricas e creativas para divulgar a dignificación de Galicia», según explicou o delegado de Cultura da Deputación, Xosé Ferreiro, na presentación do Ano Castelao 2016.
A programación deseñada polo departamento provincial de Cultura inclúe diversos formatos para ofrecer propostas que cheguen a todos os públicos. Así, o Ano Castelao 2016 celebrarase por toda a provincia con teatro, obradoiros, audiovisual e conferencias.
TEATRO EN MONFORTE E CHANTADA EN ABRIL E MAIO
A apertura do Ano Castelao 2016 corresponderá á representación de «Que comerá o Rei?», unha sesión de historias e contos inspirados nos textos e debuxos de Castelao. A obra, a cargo de Cándido Pazó, estrearase en Lugo o día 1 de abril, para iniciar un percorrido por diversas vilas lucenses. En Monforte poderá disfrutarse o día 3 de abril, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, a partir das 20 horas, e o 8 de maio chegará a Chantada.
O HUMOR DE CASTELAO CHEGARÁ A BROLLÓN, SARRIA E RIBAS DE SIL DESPOIS DO VERÁN
Despois do verán, iniciarase a ruta de representacións do espectáculo «Retrincos de Castelao», a cargo de Fran Rei e Isabel Risco, que realizan un achegamento ao humor do xenio de Rianxo. Entre outras localidades, o espectáculo visitará A Pobra do Brollón o 10 de setembro, Sarria o 6 de novembro, e Ribas de Sil o 26 de novembro.
Tamén no mes de novembro está programada unha representación da peza «Os vellos non deben de namorarse», conmemorando os 75 anos da súa estrea en Bos Aires. Esta emblemática obra será recordada cunha especial posta en escea con marionetas a cargo da compañía Fantoches Baj.
RELATORIOS E OBRADOIROS
Na Rede Museística Provincial desenvolveranse obradoiros de gravado destinados aos máis novos, así como o proxecto cultural «A lanterna máxica de Castelao», promovido pola asociación cultural Juan Casaveteiro de Lugo, e que conxuga teatro e audiovisual.
A Rede Museística acollerá media ducia de relatorios, en torno aos diversos aspectos de Castelao como humorista, narrador, dramaturgo, político, e narrador. Ademais, o Museo de Lugo inaugurará na sala Castelao unha exposición sobre a faceta de caricaturista e ilustrador do insigne autor de Rianxo.
O Ano Castelao 2016 chegará tamén aos centros educativos da man do «ContarNós», un programa que inclúe 50 obradoiros para achegar a figura de Castelao aos máis novos.•