•O singular entorno das adegas de Vilachá, no municipio de A Pobra do Brollón, acollerán esta cita enolóxica na fin de semana do 30 de abril e 1 de maio
•Música folk, charangas e pasarrúas amenizarán os dous días da feira, que contará tamén cunha gran chourizada o sábado pola tarde

• Na fin de semana do 30 de abril ao 1 de maio, celebrarase a edición número 25 da Feira do Viño de Vilachá. Esta cita enolóxica caracterízase polo entorno que a acolle, formado por adegas de pedra de tradición centenaria, que constitúen o gran atractivo da aldea de Vilachá de Salvadur, no municipio de A Pobra do Brollón.
PASARRÚAS A CARGO DE GRUPOS DE CANTOS DE TABERNA
As celebracións arrancarán o sábado 30 de abril pola tarde, con pasarrúas a partir das seis a cargo dos grupos de canto de taberna Con Ton e Son, Os Estoupafoles, Os Corenta e Chinco Boys, Pingalleomoco, e Os Mesmos.
GRAN CHOURIZADA E MÚSICA FOLK NA NOITE DO SÁBADO
Para as nove da noite está organizada unha gran chourizada, que continuará coa actuación do grupo de música folk Milesios, a partir das dez e media da noite.
MÚSICA E PREGÓN O DOMINGO 1 DE MAIO AO LONGO DA MAÑÁ
A xornada do domingo 1 de maio arrancará ás once da mañá, cunha alborada a cargo do grupo de gaitas da Escola de Música Samoeiro. Xa ás doce, os cantos de taberna voltarán a Vilachá, cos pasarrúas que interpretarán os grupos As Dirindainas, Os Tabernos, Os Amigos do Caldeiro, As Lucecús, e Os Palletas.
Á unha do mediodía, o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez González, lerá o pregón da XXV Feira do Viño de Vilachá de Salvadur.
SERVIZO DE AUTOCARES DE VOLTA A MONFORTE E Á POBRA
As celebracións rematarán coa actuación, a partir das tres e media da tarde, da charanga Compostela.
A organización da Feira porá un servizo de autocares de regreso á Pobra do Brollón e a Monforte ás 15,30 horas do domingo.•