•O conselleiro de Cultura anunciou a próxima licitación dos traballos para arranxar a fachada e a cuberta deste edificio, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) •Está previsto rematar as obras en 4 meses, ao longo de 2016

• A Xunta vai licitar proximamente os traballos de arranxo da cuberta e da fachada da igrexa de San Paio de Diomondi, por un importe de 126.000 euros. Esta cantidade vén sumarse aos 208.209 euros que xa investiu a Consellería de Cultura o ano pasado neste edificio, situado no municipio de O Saviñao, e declarado Ben de Interese Cultural (BIC). As novas actuacións terán unha duración prevista de 4 meses, e completaranse en 2016, según apuntou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante a súa visita ao monumento o pasado 9 de abril.
CARACTERÍSTICAS DOS TRABALLOS
Según explicou Rodríguez, os traballos anunciados consistirán na demolición da cubrición existente de tella e o taboleiro de formigón para ser cambiada por unha cuberta de tella cerámica curva, protexida por unha lámina ondulada de fibrocemento.
Ademáis, o proxecto inclúe desmontar os cangos en mal estado sobre os que se colocan as tellas para a súa posterior reposición con outros de idénticas características.
Asimesmo, vanse mellorar as condicións construtivas da espadana e realizarase un rexuntado da fachada principal e unha restauración da portada románica.
Por último, procederase á eliminación das agarradoiras interiores de aceiro corrugado e á recuperación das carpinterías de madeira.
PRIMEIRAS ACTUACIÓNS DE URXENCIA O ANO PASADO
Esta intervención súmase á levada a cabo o ano pasado, e actualmente finalizada, co fin de paliar o deterioro que sufría o edificio. Deste xeito, reconstruíuse a fachada do pazo bispal, parcialmente derrubada debido á acción da auga da choiva, á escasa calidade construtiva do muro, e ao empuxe lateral da estrutura de cuberta sobre a coroación do muro.
GARANTIR A SEGURIDADE DO EDIFICIO E PARA ADECUAR O ESPAZO ÁS VISITAS DIVULGATIVAS
Según explicaron dende a Consellería de Cultura, tras unha primeira actuación de urxencia, acometéronse os traballos de reparación na fachada co obxectivo de garantir a seguridade estrutural do edificio, ademais de adecuar o seu interior para permitir as visitas con fins divulgativos.
As diferentes actuacións consistiron na reconstrución do muro derrubado, garantindo a súa seguridade mediante a correcta execución do seu recheo. As obras incluíron tamén unha resolución construtiva da coroación do muro para evitar que se produzan filtracións de auga, e un revoco exterior con morteiro de cal.
Ademais, tamén se fixeron modificacións sobre a estrutura da cuberta e o seu sistema de apoio, reparouse o material de cubrición, actuouse sobre as estruturas horizontais interiores e os forxados para facilitar as visitas divulgativas ao edificio, e substituíronse as carpinterías de madeira dos ocos das ventás.
A Consellería destinou a esta intervención un total de 208.209 euros, un investimento que, sumado ao previsto para este ano, ascenderá a preto de 335.000 euros só neste conxunto. Trátase, por tanto, dun importante esforzo orzamentario encamiñado a garantir ao máximo a conservación do ben e favorecer a súa posta en valor por parte do Bispado de Lugo.•