•Os responsables do MUFERGA suliñaron que o Museo estase a consolidar como un dos atractivos turísticos máis importantes de Monforte, a pesar da escasa promoción que se fai deste recurso dende as institucións

• O balance da Semana Santa foi moi positivo para un dos grandes atractivos que ten Monforte, o Museo do Ferrocarril de Galicia (MUFERGA). Este recinto, único en España polas súas características, vén de incrementar preto dun 50% as visitas que organizan particulares e familias respecto ás mesmas datas do ano pasado. Según explicou o director do MUFERGA, Luis Blanco, este museo estase a consolidar como importante elemento de atracción turística para Monforte. Os 750 visitantes particulares rexistrados durante a Semana Santa de 2016, dos que 188 foron menores de idade, procedían fundamentalmente das catro provincias galegas, ademais de recibir turistas doutras 12 provincias españolas. Asimesmo, a cifra de visitantes tamén incluiu turistas procedentes de Suiza, Rumanía ou Portugal.
UN MUSEO PARA TODOS OS PÚBLICOS
O Museo do Ferrocarril de Galicia ofrece a oportunidade de realizar unha interesante viaxe pola historia do ferrocarril español, con pezas históricas tanto móbiles como arquitectónicas, únicas en todo o Estado. As visitas inclúen un percorrido polas instalacións, que pode realizarse a bordo dun mini-tren no caso de grupos organizados, e remata coa proxección dun audiovisual informativo. O Museo do Ferrocarril reserva un espazo moi especial para os máis cativos, xa que conta cun pequeno circuíto integrado por trens a escala, onde os nenos e nenas poden disfrutar convertíndose por un día en maquinistas ou xefes de estación.•