•Estas actuacións buscan o aforro enerxético, unha mellor iluminación e menor contaminación lumínica
• A finais do mes de marzo quedaba completada a renovación do alumeado público no municipio de Sober. O Goberno local culminaba así unha nova fase de traballo en prol da mellora da iluminación dos núcleos poboacionais e dos seus accesos, así como na procura da eficiencia enerxética e de diminuír a contaminación lumínica.
OS TRABALLOS CUSTEÁRONSE COS CARTOS DEVOLTOS POR GAS NATURAL LOGO DE RECLAMALOS O CONCELLO
Según explicou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, as actuacións abranguen as 22 parroquias soberinas, aínda que as últimas actuacións corresponden a máis dunha vintena de núcleos de 10 parroquias.
O rexedor local suliñou que estas actuacións estanse a financiar, principalmente, con cargo ao aforro do consumo enerxético, acadado pola xestión municipal. Nese sentido, Fernández Guitián precisou que a cuestión da mellora do alumeado e o aforro enerxético foi un dos obxectivos do seu equipo de Goberno «dende o primeiro día». Este aforro procede, principalmente, dos abonos efectuados por Gas Natural logo das reclamacións presentadas polo Goberno local, e que se materializaron no ingreso de 19.000 euros en 2015, e de 60.000 euros en 2016 a favor do Concello de Sober. Estes importes corresponden ao cobrado de máis por Gas Natural en concepto de consumo de enerxía reactiva.
No financiamento destes traballos, o Concello de Sober contou tamén con axudas da Consellería de Economía e Industria, mentres que a Deputación de Lugo asumiu o cambio de lámpadas en diversos lugares.
AFORRO DUN 40% A PESAR DO MAIOR PREZO DA ENERXÍA
As novas lámpadas instaladas son LED, que veñen substituír ás antigas de mercurio e sodio. Ademais, no proxecto de renovación do alumeado público inclúese a instalación de reloxos astronómicos e sistemas de adaptación de termos de potencia. Guitián suliñou que estas actuacións contribuíron a rebaixar ata nun 40% o gasto no consumo enerxético nos últimos 4 anos, a pesar do incremento do prezo da enerxía.
Según explicou Fernández Guitián, o obxectivo do Goberno local é acadar a renovación do 100% do alumeado público de Sober con próximas actuacións.•