O alcalde de Monforte pide «a colaboración de todos» para reiniciar os traballos do Plan Especial do Casco Histórico

•Unha vez que a Xunta aprobou o reaxuste das anualidades económicas solicitadas polo Concello, está previsto que os técnicos do Plan realicen as visitas ás zonas integradas entre abril e xuño

O alcalde de Monforte, José Tomé, durante a rolda de prensa na que anunciou o reinicio dos traballos do Plan Especial do Casco Histórico, paralizado dende 2013. GPCM.
O alcalde de Monforte, José Tomé, durante a rolda de prensa na que anunciou o reinicio dos traballos do Plan Especial do Casco Histórico, paralizado dende 2013. GPCM.

• A mediados de abril comezarán os traballos de campo para a redacción do Plan Especial do Casco Histórico de Monforte, e que rematarán este mes de xuño. O reinicio do calendario deste Plan foi anunciado polo alcalde de Monforte, José Tomé, a primeira semana de abril, en cumprimento do que foi un dos seus compromisos electorais. «Cando me presentei ás eleccións, comprometinme a sacar adiante este Plan e o PXOM, os dous documentos que son para min fundamentais para o desenvolvemento urbanístico de Monforte», puntualizou Tomé.

NOVO CALENDARIO

O alcalde lembrou que, pouco despois de tomar posesión do cargo, solicitou unha entrevista coa secretaria xeral de Urbanismo, para pedir o reaxuste das anualidades do Plan, que fora contratado en 2011 e permaneceu paralizado dende 2013. Posto que o contrato remataba en 2015, e para non volver a empezar de cero e incluso perder as axudas da Xunta, Tomé retomou as negociacións e pediu a reanualización das achegas económicas da Xunta. O departamento de Urbanismo deu o visto bo a este novo calendario, co que se retoma a elaboración do documento, logo da modificación do contrato para alongalo ata 2018.

Este novo calendario prevé a aprobación inicial do documento en 2016, que se enviaría á Xunta para o seu informe en 2017, e concluiría coa aprobación definitiva en 2018. A elaboración do Plan Especial do Casco Histórico ten un custe total de 290.200 euros, divididos en tres anualidades, e cofinanciados polo Concello e a Xunta de Galicia. Ao Concello correspóndelle unha aportación de 35.520 euros, o que supón un 12,2% do total. O resto correrá a cargo da Xunta, con 254.880 euros.

COLABORACIÓN

Tomé enviou unha carta aos veciños do Casco Histórico, para informarlles das visitas que van realizar os técnicos do Plan. As visitas buscar recoller toda a información, edificio por edificio, sobre as propostas de rehabilitación de cada inmoble habitado, para incorporalas no Plan.

Ademais, Tomé pediu a colaboración de todos os axentes sociais e dos grupos da Corporación, «para sacar o Plan adiante e evitar vellas experiencias, que supuxeron perda de tempo, de esforzos e de medios económicos».•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Máis de 300 prazas gratuítas para maiores nos 27 novos cursos do InLugo

Seguinte Nova

A Xunta destinará 126.000 euros máis para a rehabilitación de San Paio de Diomondi

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: