•Son municipios que tiñan que ter rematadas as obras antes do 31 de marzo, pero non puideron cumprir o prazo pola demora dos orzamentos
• Un total de sete concellos lucenses poderán dispoñer este ano dun total de 750.000 euros para completar actuacións que non puideron estar rematadas no prazo inicial, o 31 de marzo, debido á demora na aprobación dos Orzamentos provinciais.
PRÓRROGAS URXENTES PARA SALVAR AS OBRAS
Según explicaron dende a Deputación de Lugo, o presidente do organismo provincial, Darío Campos, decidiu alertar aos alcaldes de Paradela, Baleira, Sober, Cervo, Pantón, Monterroso e Guitiriz, para que solicitasen formalmente e de xeito urxente unha prórroga para a realización destes traballos. Unha vez completada esta tramitación, Campos convocou unha Xunta de Goberno extraordinaria o 30 de marzo, onde se aprobaron estas solicitudes, acompañadas das partidas correspondentes.
ACTUACIÓNS EN VARIOS CONCELLOS DO SUR DE LUGO
No sur de Lugo, son tres os municipios beneficiados por esta medida. No caso do concello de Paradela, a Deputación vai destinar 106.436 euros para a reforma do tanatorio. Ao concello de Sober corresponderalle un importe total de 129.899 euros, que se destinará á sinalización de núcleos rurais, reparación de humidades no Centro Sociocultural, dotación dunha aula de novas tecnoloxías, mellora do Punto de Atención á Infancia e dos campos de fútbol, así como á ampliación do saneamento e construción dunha depuradora en Telleiros e Vilamaior.
Pola súa banda, no municipio Pantón realizarase a mellora do camiño da rúa Chao Falcón ao Campo da Feira, así como arranxo de beirarrúas, ademais de acondicionar o saneamento de augas residuais no núcleo rural de Palmelle. Estas obras contarán cunha dotación provincial de 57.511 euros.
O GOBERNO PROVINCIAL RESPECTOU OS CONVENIOS ASINADOS POR CANDIA
As actuacións nos concellos lucenses compleméntanse coa partida de máis de 7 millóns de euros incluída nos Orzamentos para 2016, xa que o presidente provincial, Darío Campos, quixo respectar os convenios que deixou asinados Elena Candia con 17 concellos, gobernados polo Partido Popular. Campos tomou a decisión en base a que «os perxudicados sempre son os veciños». No sur de Lugo, Taboada recibirá 184.424,31 euros a para rexeneración de camiños; Bóveda, 92.580,73 euros para adecuacións de camiños; Quiroga, 90.000 euros para o centro de día; Sober, 57.475 euros para a mellora de accesos e albergue municipal; Pantón, 68.821,2 euros para o acondicionamento de estrada Bazal-Pantón, accesos Fervenza de Auga caída; e Triacastela, 142.500 euros para arranxo de camiños.•