•O venres 15 de abril ás 21 horas, o Pazo Universitario de Lugo vai acoller o partido entre o CB Cafés Candelas Breogán e o CB Planasa Navarra cun grupo de invitados de excepción. Trátase da expedición de preto de 140 membros do CB Sarria, que foron invitados polo clube lugués a presenciar este encontro, decisivo na súa traxectoria desta tempada.
DENTRO DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE O BREOGÁN E O CB SARRIA
Esta invitación forma parte dos acordos incluídos no convenio de colaboración asinado este ano entre os clubes lucense e sarriao. A expedición inclúe aos xogadores das diversas categorías do CB Sarria, ademais dunha vintena de acompañantes.
A invitación para presenciar en directo este partido chega nun bo momento deportivo do CB Cafés Candelas Breogán, que vén de gañar ao filial do FC Barcelona Lassa por 72-90, encadeando a súa quinta victoria consecutiva na LEB Ouro.•