Popular de Lugo xa están a preparar a conta atrás para a celebración, o vindeiro 14 de maio, do VIII Congreso Extraordinario Provincial de Novas Xeracións. Esta cita terá como dobre protagonista ao sur de Lugo, tanto polo lugar escollido, Monforte de Lemos, como pola candidata que opta a dirixir esta formación. O 18 de abril, Rosa Arza, concelleira en Quiroga, presentaba oficialmente a que está a ser, polo de agora, a única candidatura a substituír a Daniel Vega, que pasou a formar parte da nova directiva do PP lucense liderado por Elena Candia.
«XUVENTUDE E EXPERIENCIA»
Arza presentouse acompañada polo lucense Pablo Flórez, que sería vicepresidente na candidatura da quiroguesa, e o focense Roberto Fernández, como secretario xeral. Rosa Arza explicou que deu o paso tras falar cos militantes e simpatizantes dos 67 municipios. «É unha decisión meditada, consciente do compromiso que require, pero con moitas ganas e ilusión», precisou.
Arza agradeceu o apoio da militancia, así como a disponibilidade de Flórez e Fernández, «persoas comprometidas coa organización e que así o demostraron durante anos, unha combinación perfecta de xuventude e experiencia».
RENOVAR E REVITALIZAR
Arza anunciou que o resto do equipo, que dará a coñecer días antes do congreso, defínese como «forte e cohesionado, con representación de todas as comarcas da provincia, tanto rurais como urbanas».
En canto aos obxectivos, Rosa Arza ofrece renovación e revitalización da organización. «Seguir facendo provincia para estar no mellor punto de partido de cara ás próximas eleccións autonómicas», suliñou Arza.•
•PERFÍS DA CANDIDATURA DE ARZA
Rosa Arza
(Quiroga, 1987), é xestora administrativa, e militante do Partido Popular e Novas Xeracións dende hai 10 anos. Dende 2011, é concelleira de Xuventude e Turismo en Quiroga. Arza forma parte da Executiva Provincial do Partido Popular de Lugo, ademais de exercer como vicepresidenta Rexional de Novas Xeracións de Galicia.
Pablo Flórez
(Lugo, 1988), estuda Relacións Laborais e Recursos Humanos. Ten traballado na Rede Galega de Dinamización Xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Entre 2011 e 2013 realizou un proxecto de voluntariado na localidade lituana de Vilna, traballando para Caritas Europa nun centro para persoas sen fogar. Afiliado a Novas Xeracións desde 2006, na anterior etapa foi membro do Comité de Dirección como Vicesecretario de Novas Tecnoloxías. É membro do Comité Executivo provincial do Partido Popular.
Roberto Fernández
(Foz, 1988), é licenciado en Ciencias Políticas e da Administración, e Máster en Xestión Pública. Traballa como asesor no Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo. Afiliado a Novas Xeracións desde o ano 2009, preside a delegación desta formación en Foz desde 2010. Nesta última etapa, desde 2013, foi Coordinador de Pesca e Asuntos Marítimos e Coordinador da Comarca de A Mariña.•