•Esta iniciativa, promovida pola Federación Galega de Comercio e o CCU Monforte, co apoio da Xunta, rematará o 6 de maio

• Dende o 25 de abril e ata o 6 de maio, está en marcha a oitava edición da campaña «As compras na túa vila teñen premio», promovida pola Federación Galega de Comercio e o CCU Monforte, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Durante a presentación desta iniciativa en Monforte, a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, lembrou que os obxectivos da campaña son dinamizar o comercio tradicional da localidade e contribuír a promocionar os establecementos asociados ao CCU Monforte mediante a fidelización dos seus clientes.
O COMERCIO LOCAL, CLAVE NO DESENVOLVEMENTO DAS VILAS
Arias destacou «a unión dos comerciantes monfortinos para poñer en marcha a campaña», e suliñou que a Xunta apoia ao comercio local «porque da súa actividade depende a dinamización económica e a xeración de riqueza das cidades e vilas». A delegada da Xunta en Lugo lembrou que na nosa provincia, hai máis de 20.000 persoas empregadas no comercio de proximidade.
SORTEO DE 4.000 EUROS EN TARXETAS REGALO
A campaña destina un total de 4.000 euros en premios para agasallar aos consumidores pola súa fidelidade ao comercio local. Entre todos os clientes que realicen as súas compras no comercio asociado de Monforte ata o 6 de maio sortearase 5 premios de 300 euros cada un, e 25 premios de 100 euros, a través de tarxetas regalo. O sorteo celebrarase o venres 6 de maio ás 20,00 horas na Praza de España de Monforte.•